A Deputación de Pontevedra colabora co Centro Oceanográfico de Vigo
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou hoxe as instalacións do Centro Costeiro do Instituto Español de Oceanografía de Vigo, situado en Cabo Estai, con motivo do centenario da súa creación en 1917 e da súa implantación como un centro pioneiro no eido da investigación mariña. Na súa visita, a Presidenta provincial estivo acompañada polo Deputado delegado de Medio Ambiente, Juan González, e a directora do centro, Victoria Besada.
Carmela Silva asegurou que “este é un dos centros investigadores máis importantes de España e de Europa xa que as análises, as investigacións, estatísticas e todo o traballo que aquí se realiza é fundamental para o sector do mar”. Polo tanto, lembrou, “queremos que as pontevedresas e pontevedreses saiban que temos nesta provincia e na cidade de Vigo un centro de investigación punteiro” que “moitas veces non valoramos porque descoñecemos”, razón pola que a Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “temos que sacar do anonimato todo aquilo que é motivo de orgullo como sociedade, e este centro é unha referencia mundial”.
En 2017, o Centro Oceanográfico de Vigo cumprirá cen anos “de achegas de coñecemento e innovación ao sector marítima”, sinalou Carmela Silva. A Presidenta provincial engadiu que “vai ser un ano no que intentaremos que toda a xente da nosa contorna e de toda Galicia veña coñecer o que aquí se realiza” porque “creo que nos temos que sentir moi orgullosas e orgullosos de ter a grandes investigadoras e investigadores que permiten que melloremos en todo o que ten que ver coa actividade económica que xera o mar, como co mantemento do mar nas condicións nas que debe estar. Debemos respectar o mar porque é vida”, asegurou, “e máis en Vigo e na provincia de Pontevedra cando é tan importante para nós”.
Por iso, asegurou a presidenta, “imos colaborar co Centro e establecer vías de colaboración con el en todo aquilo que sexa posible”, dixo, posto que “as administracións públicas non poden vivir de costas ao coñecemento senón todo o contrario, para ter coñecementos de primeira persoa, para así poder tomar decisións que permitan pornos do lado de axentes como este Centro, de quen realmente mellora o mundo e que son moitas veces persoas descoñecidas e anónimas”. De feito, a Deputación de Pontevedra está a colaborar cos actos do centenario Centro Costeiro do Instituto Español de Oceanografía de Vigo en cuestións como asesoramento en redes sociais, deseño de logotipos, cartearía, merchandising e outras cuestións de comunicación e protocolo. A directora do centro, Victoria Besada, quixo agradecer a “xentileza” da Deputación de Pontevedra “pola súa colaboración con estes actos, que nos vai permitir poder chegar a un público máis grande a través de todas as actividades que imos levar a cabo o ano que vén”.
No Centro costeiro do Instituto Español de Oceanografía de Vigo traballan arredor de cen investigadores e investigadoras divididas en tres áreas: pescarías, cultivos mariños e medio mariño. Foi o primeiro en contar cun buque oceanográfico para realizar as campañas científicas en augas afastadas, co que se realizaron estudos das poboacións de bacallau e fletán, ademais do primeiro centro en enviar persoal investigador á Antártida en 1986 (a primeira campaña de investigación española neste territorio).











