A Deputación de Ourense destina axudas a concellos para a adquisición de desfibriladores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Deputación de Ourense destina achegas económicas a 32 concellos da provincia de Ourense para a adquisición de desfibriladores. O goberno provincial concede estas axudas despois de aprobar na Sesión Plenaria correspondente ao mes de setembro, as bases reguladoras do Programa de cooperación para o cofinanciamento cos concellos de menos de 20.000 habitantes da adquisición de desfibriladores para a súa instalación nos espazos de maior afluencia de público.

Para elo, o goberno provincial aprobou nestas bases unha dispoñibilidade orzamentaria dun máximo de 63.000 euros, optando os concellos de menos de 20.000 habitantes, a unha axuda dun importe máximo de 1.977 euros, isto é, a concesión a cada concello podía acadar unha porcentaxe do 50% do importe da adquisición. Rematado o prazo de solicitudes, e reunida a Comisión de Valoración, aprobouse a concesión de axudas a 32 concellos da provincia de Ourense, estes son: Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, A Veiga, Petín, Manzaneda, Parada de Sil, Cortegada, Entrimo, Melón, Trasmiras, Rubiá, Paderne de Allariz, Xunqueira de Ambía, Taboadela, O Irixo, Vilamartín de Valdeorras, Baltar, Ramirás, Oímbra, A Merca, A Peroxa, Nogueira de Ramuín, A Pobra de Trives, Monterrei, Maceda, A Rúa de Valdeorras, San Cibrao das Viñas, Ribadavia, Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín.

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar, sinalou que obxectivo deste programa é “contribuír a que a provincia de Ourense teña a consideración de “Provincia cardio-protexida”, en coherencia coa visión integral do territorio que persegue o goberno provincial”.

Os desfibriladores situaranse en espazos de gran afluencia de público, como oficinas municipais, infraestruturas deportivas e culturais e piscinas. Deste xeito, veciños e visitantes contarán coa protección necesaria ante a aparición de calquera episodio de parada cardíaca aguda.

29 de novembro de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.