A Deputación da Coruña investirá 320.000 euros na mellora dos primeiros 14 quilómetros da estrada DP 4401 de Ortigueira-As Pontes a O Barqueiro
O goberno da Deputación da Coruña levará ao pleno do vindeiro venres un novo proxecto de mellora dos primeiros 14 quilómetros da estrada provincial DP 4401 de Ortigueira-As Pontes a O Barqueiro (Mañón), cun orzamento de 319.846,52 euros para a pavimentación e a mellora da seguridade da circulación neste vial.
As obras consistirán no fresado e reparación dos tramos que actualmente teñen o firme deteriorado e o posterior extendido dunha nova capa de microaglomerado en frío que mellore a textura superficial do vial e a adherencia dos vehículos en condicións climatolóxicas adversas ao longo do tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+00 e 14+360, no termo municipal de Mañón. A zona contará tamén con nova sinalización horizontal e vertical.
Os traballos enmárcanse no proxecto global de mellora do vial programado polo departamento de Vías e Obras da institución provincial, que nos vindeiros días adxudicará as obras de reparación do firme deste mesmo vial no tramo de 11 quilómetros que discorre entre os PK 14+360 e 25+200 e que conta cun orzamento de licitación de 240.269,69 euros. Un total de 38 empresas presentaron as súas ofertas no proceso de licitación destas obras, que serán adxudicadas definitivamente a principios do mes de decembro.
Con estas obras, a Deputación da Coruña atende a petición do Concello de Mañón durante a visita que o presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, realizou ao municipio o pasado mes de abril, na que a corporación local trasladou entre as súas demandas máis urxentes a necesidade de mellorar a estrada que une O Barqueiro con As Pontes e Ortigueira.











