A Deputación aproba os programas “BenOurense” de servizos sociais comunitarios e atención á primeira infancia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria correspondente ao mes de novembro, celebrada esta mañá no Pazo Provincial, os programas provincias BenOurense en materia de Servizos Sociais Comunitarios e para puntos de atención á primeira infancia para o vindeiro ano 2017.

En concreto, o programa BenOurense de asistencia técnica, económica e xurídica aos concellos en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o vindeiro ano estrutúrase en tres accións: unha en materia de asistencia económica, para garantir o financiamento aos concellos e mancomunidades de menos de 20.000 habitantes para a contratación ou nomeamento de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios ao de traballador social. Nesa mesma liña de asistencia económica, a segunda acción ten como obxectivo garantir o servizo de axuda no fogar. E a terceira acción refírese á asistencia técnica e xurídica que se prestará a través do persoal da Área de Benestar da Deputación, consistindo na emisión de informes técnicos e xurídicos en materia de servizos sociais.

Por outra parte, as bases do outro programa provincial BenOurense teñen por obxecto regular a concesión de axudas destinadas ás corporacións locais para o mantemento dos “Puntos de Atención á Primeira Infancia (PAI), e para os servizos complementarios. Neste apartado, contémplanse dúas accións: unha dirixida aos PAI, considerados os establecementos de carácter diúrno e de titularidade municipal, en concellos de menos de 5.000 habitantes, que prestan apoio aos pais de nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos. A segunda acción referida aos servizos complementarios municipais, os cales se encadran nas funcións de atención e coidado fora da xornada ordinaria dos centros escolares para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, para contribuír á conciliación da vida laboral e familiar.

A corporación provincial tamén aprobou na Sesión Plenaria, o programa provincial de cooperación cos concellos para actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipais e provincias durante o ano 2017, coa finalidade de colaborar economicamente cos concellos e coas mancomunidades no sostemento deste servizo e das obrigas establecidas na lexislación galega de prevención de incendios forestais.

Asemade outro dos acordos aprobados esta mañá no Salón de Plenos da Deputación de Ourense en materia cultural, foi a aprobación dos estatutos da Fundación Eduardo Blanco Amor co fin de levar a cabo actuacións que difundan e a obra deste autor, a promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura, do xornalismo, das artes, abordados polo autor e polos investigadores da súa obra, entre outras liñas de actuación. Así mesmo, aprobouse a creación en Ourense do Museo Galego da Emigración, na que a sede da dita infraestrutura sexa o Pazo de Vilamarín.

25 de novembro de 2016 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.