publicidade hoxe

A área de Igualdade da Deputación centra na mocidade a súa loita contra a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

“Sementa respecto, colleita igualdade”, é o lema da área de Igualdade da Deputación da Coruña para unha conmemoración do Día contra a violencia de xénero en que buscan facer fincapé na urxencia dunha educación en igualdade para a súa eliminación.

A deputada e responsable da área de Igualdade, Ánxela Franco, presentou esta mañá en rolda de prensa as actuacións que se puxeron en marcha no último ano para combater a violencia de xénero e apelou á educación como unha das ferramentas fundamentais para loitar na súa erradicación: “Traballar no sistema educativo é esencial para mudar a situación actual da violencia de xénero”, sinalou a responsable de Igualdade.

Coa fin de facer unha radiografía da situación, Ánxela Franco, anunciou a presentación dun proxecto de diagnose e plan de acción en políticas de igualdade da provincia da Coruña antes de que remate o ano. Ademais, declarou o compromiso de incluír a transversalidade de xénero nas bases de convocatoria de subvencións da Deputación. Medidas que supoñen “un paso de xigante, xa que a información sobre o contexto social do noso entorno máis próximo e indispensable para facer actuacións máis efectivas”, indicou Franco.

Así, a responsable de Igualdade, Ánxela Franco, presentou os datos económicos en materia de Políticas de Igualdade de Xénero, que superaron as expectativas previstas para este ano 2016. O investimento inicial para este ano, a través de subvencións a concellos, foi de 880.000 euros, que finalmente se ampliou a 1.292.66,84, producíndose un incremento do 40% respectivamente. O mesmo aconteceu co orzamento destinado a actividades, casas de acollida, premios e concursos, que inicialmente foi de 273.000 euros, e que ao remate deste 2016 será de 362.000 euros, experimentando un incremento dun 30%. Asemesmo, as entidades e asociacións ligadas á violencia de xénero recibiron unha dotación de 200.000 euros.

A responsable de Igualdade da Deputación tamén destacou a importancia de unir esforzos con outras administracións para incrementar os efectos positivos das políticas en materia de Violencia de Xénero. En concreto, Ánxela Franco instou á Xunta de Galicia a que presente os seus incrementos en materia de Igualdade de Xénero, xa que “o movemento se demostra con obras e non con palabras”, afirmou a deputada.

Aprender a detectar os micromachismos na mocidade é crucial para cambiar un contexto de violencia contra as mulleres que cada ano se manifesta a idades máis prematuras. Desde a Deputación están en marcha diversas iniciativas que responden ao convencimento de “que a violencia se pode atallar sempre e cando se actúe dende idades máis temperás”, apuntou Ánxela Franco, que tamén insistiu na necesidade de traballar por erradicar a violencia “os 365 días ao ano, cun investimento que demotra que imos máis aló dunha soa data ao ano”.

Co gallo do Día Internacional contra Violencia de Xénero, 25 de novembro, a Deputación desenvolverá distintas actividades encamiñadas á incrementar a conciencia social como unha declaración institucional no pleno do venres ou a colocación das árbores dos desexos que estará instalada en todos os edificios dependentes da institución. Trátase dnha árbore nas cores do feminismo en que se expresarán os desexos de construción dunha sociedade igualitaria e sen violencia de xénero.

Actividades educativas contra a Violencia de Xénero

Suprime o control. Trazo, Touro, Malpica, Cerceda, Ponteceso, Boimorto, Dodro, Tordoia, Arzúa, O Pino e Mesía son os concellos que, ao longo deste mes de novembro, acollen o programa “Suprime o control” que a Área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero desenvolve nos centros de ensino encamiñado á prevención da violencia de xénero.

As comarcas de Arzúa, Bergantiños, Ordes, Santiago e o Sar son as primeiras en recibir este programa que nace co obxectivo de contribuír á violencia de xénero desde o ámbito educativo. O programa ofrece ferramentas coas que traballar para a construción da igualdade con especial atención á violencia machista na adolescencia e a súa reprodución na actualidade por medio das aplicacións móbiles ou as redes sociais. “Suprime o control” desenvolverase ao longo deste primeiro curso académico en 14 centros educativos e terá continuidade nos cursos 2017-2018 e 2018-2019. Para máis información pódese consultar a súa web http://suprimeocontrol.com/.

III Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero. Alumnado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional ou outro tipo de formación análoga está convidado a participar, individualmente ou preferentemente en grupo de ata 6 participantes, neste certame que convoca a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña. Coa iniciativa, búscase contribuír á reflexión, conciencia, sensibilización e prevención da violencia de xénero nunhas idades chave para a formación en igualdade. O premio consistirá nun curso práctico de realizacións de curtas do que sairá a produción do vídeo sobre o guión gañador. Ademais, outorgarase un premio en metálico con 4.000 euros ao centro educativo que titorice o guión gañador.

III Premio Concepción Arenal 2016. A iniciativa contempla proxectos educativos que procuren o desenvolvemento de habilidades para a identificación e o rexeitamento de estereotipos sexistas que contribúen a xerar e manter a violencia de xénero, así como a construción de esquemas alternativos que axuden a comprender e respectar a igualdade de oportunidades real entre sexos. Dirixido a centros educativos. Dotado con 5.000 euros en cada modalidade.

Árbore dos desexos: Unha iniciativa participativa que percorrerá os edificios da Deputación durante o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Colocaranse árbores cuxas ramas colgarán tarxetas escritas cos desexos que os usurios queiran deixar plasmados.

A Deputación tamén participa na Produción da Curtamentraxe “Corazón amoratado” e no encontro Laborando, a feira de proxectos de vida feminista. A feira terá lugar o sábado 26 de novembro das 10:00 ás 22:00 no Mercado de San Agustín na Coruña e a área de Igualdade da Deputación desenvolverá distintas accións como son o Mural Interactivo EU Son, unha sesión de música electrónica, Animación Micro Aberto para proomover a participación, obradoiros para crianza arredor da igualdde de xénero, un networking feminino para presentacións de negocios, un roteiro polo mercado de San Agostiño con perspectiva de xéneroou a Elaboración dun Plan de Parto e coñecemento dos dereitos legais das mulleres grávidas no eido sanitario, ou o programa Educando en Igualdade á Xuventude, entre outras.

24 de novembro de 2016 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.