A alcaldesa de Lugo acusa a Abel Caballero de simplificar o problema do PSdeG
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acusou o rexedor de Vigo, o tamén socialista Abel Caballero, de “simplificar” o “problema” no que se atopa o PSdeG despois de que este falase dunha “errada” estratexia electoral nos comicios do pasado 25 de setembro que propiciou, ao seu xuízo, a maioría absoluta do popular Alberto Núñez Feijóo.
Méndez, interpelada sobre esas declaracións, que Caballero realizou este martes no programa ‘Vía V’ de V Televisión, abundou en que “personalizar nunha soa persoa o problema que se sofre como partido -en referencia ao actual voceiro parlamentario e cabeza de lista, Xoaquín Fernández Leiceaga- é simplificalo e non ter altura de miras de intentar buscar unha solución”.
Sen reparos en recoñecer que se afronta “un momento malo como partido”, avogou por “buscar esa unión, esa unidade en torno” ao proxecto, “que é o que une independentemente do que poida diferenciar como compareces a práctica desas políticas”.
Ao seu xuízo, hai que buscar as estruturas orgánicas que permitan fortalecerse como partido e que permitan a aplicación das políticas socialistas que loitan contra a desigualdade”. Por iso, avogou “por buscar esas datas para os congresos, para estruturarse e facerse fortes”.
Da mesma forma, sobre as críticas de Carmela Silva contra a presidenta da xestora do PSdeG, Piar Cancela, insistiu en que “personalizar nunha, en dous, tres, catro persoas, e ir a unhas formulacións simple de bos e malos e de ti contra eu non ten moita base e non axuda”.











