Xunta e Concello de Pontevedra avanzan para consensuar o modelo de intermodalidade
A Xunta e o Concello de Pontevedra avanzaron hoxe na definición da fórmula para fomentar a intermodalidade entre os distintos modos de transporte na cidade mediante un proxecto que incluirá unha actuación integral na estación de autobuses. O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda en funcións, Ethel Vázquez, mantiveron esta mañá unha xuntanza co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para analizar as alternativas técnicas das que dispón o Goberno galego e coñecer as achegas do Concello a esta iniciativa.
Os representantes da Xunta comprometéronse a analizar as propostas do goberno municipal unha vez que este remita a documentación técnica necesaria, e a manter este mesmo mes unha nova xuntanza para abordar a situación e tratar de pechar o modelo de actuación.
O vicepresidente do Goberno galego en funcións destacou que se trata dunha importante iniciativa que repercutirá na mellora dos servizos de autobús e tren, beneficiando tanto a usuarios como a traballadores, ao tempo que contribuirá a mellorar a cidade
Segundo dixo, o obxectivo é acometer este proxecto estratéxico de forma consensuada co Concello, polo que se presentaron ante os representantes locais as alternativas definidas pola Xunta na procura do consenso que permita “acertar” en beneficio dos cidadáns.
Alfonso Rueda sinalou que actualmente están en marcha ou a piques de iniciarse varias actuacións da Xunta moi relevantes na cidade de Pontevedra, como a rehabilitación da antiga sede da Administración autonómica na rúa Benito Corbal ou o novo edificio xudicial, e asegurou que en todos os casos o Goberno galego aposta por ir da man do Concello.
Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda en funcións afirmou que con esta iniciativa a Xunta ten por finalidade configurar un auténtico centro de transportes moderno e útil aos cidadáns, facilitando os transbordos entre o tren e o autobús interurbano de maneira sinxela, segura, cómoda e rápida, e executando, ademais, unha mellora integral da actual terminal de autobuses.
Así, para fomentar a intermodalidade prevese mellorar a conexión peonil entre as terminais; reordenar o espazo para aparcadoiro; delimitar as zonas reservadas para peóns e para tráfico rodado; e fixar os espazos destinados aos taxis e ás paradas rápidas.
Durante a xuntanza, os representantes do Goberno galego trasladaron que, independentemente da fórmula que finalmente se estableza para acadar a intermodalidade, a actuación prevista incluirá importantes obras de acondicionamento que se consideran necesarias na estación de autobuses.
Nese sentido, avanzaron que os traballos pasarán pola remodelación da fachada, a reparación da cuberta e a renovación dos espazos interiores.











