Un incendio calcina un coche e varias máquinas agrícolas en Castrelo de Miño
Un incendio declarado este martes nun alpendre anexo a unha vivenda en Castrelo de Miño (Ourense) provocou diversos danos materiais e calcinou un vehículo e varias máquinas agrícolas.
Segundo a información da Central de Atención a Emerxencias 112-Galicia, o incendio iniciouse sobre as 15,30 horas do martes nunha vivenda situada no lugar de O Pazo, pero as chamas non puideron extinguirse até última hora da tarde.
No operativo participaron efectivos do GES de Ribadavia e Protección Civil, así como da Garda Civil.
As chamas, que calcinaron por completo o alpendre, arrasaron un coche, un tractor e varias máquinas agrícolas que se atopaban no seu interior. A vivenda anexa tamén resultou afectada.