Un home ferido grave tras caer dun tellado en Mazaricos
Un home resultou ferido ao caer do tellado dunha casa. Aconteceu ás 13,20 horas deste luns no lugar de Beba, no concello coruñés de Mazaricos.
O home presentaba lesións graves e foi evacuado de urxencia polo helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela.
Segundo informou o centro de atención a emerxencias (CAE) 112 Galicia, ao lugar de Beba acudiron tamén os voluntarios de Protección Civil da localidade, que indicaron que o ferido estaba a traballar no tellado, pero nada confirma que se trate dun accidente laboral.
O persoal do 112 Galicia informou igualmente aos membros do GES de Muros e aos axentes da Garda Civil.
LOCALIZADO INCONSCIENTE
O helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela desprazouse tamén á localidade coruñesa de Muxía, onde un home foi localizado inconsciente e tendido en vía pública. Aconteceu sobre as 15,30 horas, no lugar de Merexo.
O persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos voluntarios de Protección Civil e dos axentes da Garda Civil.