Un home condenado a seis anos de cárcere por abusos sexuais ás súas netas
A Audiencia Provincial da Coruña condenou a un home a seis anos de cárcere por abusar sexualmente das súas dúas netas cando tiñan 11 anos en 2007 e 2013, respectivamente.
Segundo o auto xudicial, difundido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), considérase probado que o condenado abusou da súa neta maior cando tiña 11 anos no ano 2007, aproveitando que quedou a soas coa nena durante unha noite das festividades de Nadal.
Así mesmo, considera probado que en marzo de 2013, e dado que quedara a soas coa súa neta pequena, que entón tamén tiña 11 anos, invitouna a sentar con el no sofá do cuarto de estar e, para “satisfacer os seus apetitos sexuais”, abusou sexualmente dela en varias tardes sucesivas.
A primeira menor que sufriu os abusos relatou que a relación co seu avó era “boa”, pero volveuse “distante” a raíz de o sucedido nas festas de Nadal de 2007. Relatou que o acusado se meteu con ela na cama, onde fora deitada vestida e realizou os feitos polos que foi condenado e ante o que se fixo a durmida malia que espertou.
Dixo que non pensou en “contarllo a ninguén” ata que “anos despois” contoullo á súa parella, antes de formular a denuncia. Non tivera ningunha experiencia previa desa clase.
OS ABUSOS REPETÍRONSE VARIAS VECES
Tamén a outra vítima contou que tiña boa relación co seu avó pero “logo non”. Os feitos aconteceron cando tiña 11 anos, un antes de que o contase, cando o seu avó lle pediu que sentase con el no sofá e se taparon cunha manta.
No seu caso, os abusos repetíronse unhas tres ou catro veces. Primeiro contoullo a unha amiga e despois á súa nai “como froito dunha confusión”, pois ela dixéralle que tiñan que falar seriamente” aínda que se refería a outra cousa.
Entre outras cuestións que sinala o fallo xudicial, as idades das vítimas descartan os riscos de suxestión ou de falso recordo.











