Técnicos de 33 concellos coruñeses formaranse sobre como concorrer aos fondos europeos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Ao redor de 85 rexedores e técnicos municipais de 33 concellos participarán no foro Europa na Provincia da Coruña, que terá lugar os días 26, 27 e 28 de outubro na sede da Deputación. En concreto, asistirán membros dos concellos de A Coruña, Abegondo, Betanzos, Oleiros, Culleredo, Miño, Carral, Cabanas, As Pontes de García Rodríguez, Narón, Mugardos, Ferrol, Cariño, As Somozas, Cerdido, Paderne, Sobrado, Curtis, Tordoia, Arzúa, Ames, Teo, Santiso, Camariñas, Ponteceso, Dumbría, Coristanco, Carnota, A Pobra do Caramiñal, Dodro, Poio, Lousame e Rois.

Tamén asistirán membros de outras entidades coma o Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Fundación Galicia Europa, a Policía Local de A Coruña ou a Universidade da Coruña.

O prazo de inscrición segue aberto ata mañá, martes 25, ás 14 horas para os membros de entidades locais interesados en concorrer a fondos europeos.
Trátase da segunda edición deste encontro organizado polo centro de información da comisión Europea, Europe Direct, que pretende formar aos responsables de entidades locais para coñecer os programas de financiamento europeos e preparar propostas con garantías de éxito.

Outro dos obxectivos de Europa na Provincia será establecer lazos de cooperación entre os concellos con necesidades similares, para que os proxectos teñan un maior alcance e máis posibilidades de éxito. Ademais de servir de plataforma de intercambio e busca de ideas para proxectos con impacto no benestar social dos concellos.

Fondos europeos para medio ambiente, patrimonio cultural e innovación

Nesta edición, os representantes municipais formaranse sobre os fondos LIFE, os únicos destinados integramente ao medio ambiente, Horizonte 2020, sobre patrimonio cultural e desenvolvemento sostible, e Interreg Espacio Atlántico, para innovación, competitividade e eficiencia de recursos.
O foro comezará o día 26, cun seminario a cargo de Elena Barrios Barcia, responsable do Punto de Contacto LIFE, o centro oficial de asesoramento sobre estes fondos en España. LIFE é o único instrumento financeiro da Unión Europea dedicado, de forma exclusiva ao medio ambiente. O obxectivo xeral para o período 2014-2020 é contribuír ao desenvolvemento sostible e ao logro de obxectivos e metas da Unión en materia de medio ambiente e clima.

O xoves 27 tomará a palabra Juan Carlos García, responsable do punto de contacto nacional do programa Horizonte 2020. A convocatoria para proxectos sobre Patrimonio Cultural para o Desenvolvemento Sostible estará aberta a principios de novembro, polo que a formación estará centrada sobre os obxectivos, prioridades e procedementos de xestión para concorrer aos fondos.

Europa na Provincia da Coruña rematará o venres 28, co taller sobre Interreg Espazo Atlántico, a cargo de Carlos Garea, xestor de proxectos do programa.Os fondos Interreg Espazo Atlántico, que se convocarán a finais de mes, teñen unha importancia chave na provincia, xa que se trata dun programa reservado para tan só para as rexións atlánticas de cinco países da Unión : España, Francia, Irlanda, Portugal e Reino Unido. Galicia é unha das rexións que máis proxectos presenta a este programa, pero só unha pequena cantidade consegue obter financiamento. O taller pretenderá, por tanto, mellorar a eficiencia e a xestión das candidaturas, para que os concellos da provincia se beneficien deste espazo de cooperación transnacional.

En paralelo ás formacións sobre os programas de financiamento, o mércores 26 realizarase unha feira de proxectos europeos, que servirá de expositor para as accións financiadas con fondos europeos xa realizadas na provincia. Así mesmo, haberá unha mesa de boas prácticas, na que concellos coma o de Cabanas mostrarán o seu modelo de xestión, amosando que os municipios de pequeno tamaño tamén poden encabezar de maneira exitosa grandes proxectos.

Tamén participarán o concello de Alhama de Granada e a Mancomunidade de Municipios Sostibles de Cantabria, ambas institucións falarán sobre a súa experiencia concorrendo a fondos europeos.

24 de outubro de 2016 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.