Rosendo Fernández participa na reunión de vicepresidencias da Federación de Municipios con centrais hidroeléctricas e encoros
O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe en Tamajón (Guadalaxara) en nome do presidente do goberno provincial, na reunión de vicepresidencias da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con centrais hidroeléctricas e encoros.
Na xuntanza na que participou a presidenta da Federación, Rosario Cordero; o secretario xeral, José María Agullana; o vicepresidente primeiro da federación, Manuel Baltar (no seu lugar asistiu á reunión Rosendo Fernández); o vicepresidente segundo, Eugenio Esteban de la Morena; e o vicepresidente terceiro, José María Dalmau Gil, para distribuír as áreas de traballo das diferentes vicepresidencias no seno da federación. No que respecta á vicepresidencia primeira da federación, cargo que ostenta o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asignóuselle as competencias da área lexislativa, polo que poderá presentar proxectos en favor da defensa dos municipios con centrais hidroeléctricas e encoros, e en consecuencia de todos os municipios do territorio.
Outro dos temas tratados na reunión estivo relacionado coas novas tecnoloxías, concretamente cos traballos realizados sobre a implantación de fibra óptica nas zonas rurais e illadas, co proxecto piloto da provincia de Lleida.
A Federación Nacional de Asociacións e Municipios con centrais hidroeléctricas e encoros traballa dende hai anos na defensa dos intereses destes concellos, centrando o seu labor en axudar aos pequenos municipios que teñen carencias en materia de asesoramento xurídico e xestión fiscal e tamén no relativo á xestión dos Bens Inmobles de Características Especiais (BICES).











