Política Social pon en valor as potencialidades do sector do tempo de lecer co proxecto de Iniciativa Xove “Xornadas de Tempo Libre”
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe nas Xornadas de Tempo Libre desenvolvidas polo grupo informal Argalleira e financiadas integramente polo programa Iniciativa Xove da Consellería de Política Social.
Trátase dun proxecto que ten como obxectivo principal o de promover a participación e implicación da xuventude na construción dun tempo libre de calidade, así como reivindicar o valor educativo, social e cultural deste sector. Con este fin, estas Xornadas de Tempo Libre eríxense como espazo para coñecer as posibilidades que ofrece o tempo libre, tanto en termos de empregabilidade como no relativo ao desenvolvemento persoal.
Para Cecilia Vázquez, “Iniciativa Xove potencia o desenvolvemento de proxectos coma este, que evidencian a capacidade de iniciativa dos nosos mozos e mozas e contribúe a descubrir e potenciar o talento xuvenil”. A directora xeral tamén destacou que “este é o primeiro programa de participación xuvenil de todo o estado no que poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, como é o caso de Argalleira, promotor desta iniciativa”. Deste xeito, engadiu, “danse as maiores facilidades burocráticas para que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos, sen intermediarios”.
O éxito das iniciativas vese propiciado polo financiamento íntegro dos gastos dos proxectos subvencionados a través de Iniciativa Xove, ata un orzamento máximo de 5.000 €, ao que se suma a posibilidade dun anticipo do 80% do importe concedido, de xeito que a falta de financiamento non impida a posta en marcha das actividades.
A Consellería de Política Social destinou preto de 550.000 euros do orzamento da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a financiar un total de 122 proxectos promovidos por entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas.











