Pasan a disposición xudicial os detidos por tráfico de drogas en Ourense
As persoas detidas no marco da denominada ‘Operación Luk’ contra o tráfico de drogas en Ourense está previsto que pasen este luns a disposición xudicial no Xulgado de Instrución Número 1 da capital ourensana.
Segundo informaron fontes do Instituto Armado, está previsto que sobre as 10,30 horas pase a disposición xudicial unha dos detidos e o resto a partir das 11,30 horas.
O domingo foron detidas outras tres persoas no operativo tras os seis arrestos anteriores do sábado e o comiso de 8.500 doses de cocaína, 100 de hachix e tres vehículos.
Os tres últimos detidos foron identificados como L.F.M., de 20 anos, e D.D.F, de 31 anos, ambos os dous veciños de Celanova; así como J.L.R., de 43 anos e veciño de Ourense. A todos eles se lles acusa dun delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas.
A operación iniciouse o pasado mes de maio, cando a Guardia Civil tivo coñecemento dun aumento do consumo de drogas na zona de Celanova (Ourense).
Tras varias investigacións, levou a cabo a detención o sábado de seis persoas como presuntas autoras dun delito contra a saúde pública. En concreto, trátase de B.E.D., de 45 anos e veciño da Estrada (Pontevedra), como líder da trama; M.T., de 39 anos e nacionalidade senegalesa e domicilio en Celanova; H.F.M., de 53 anos e veciña de Celanova; C.F.A., de 57 anos e veciño de Celanova; D.F.D., de 19 anos e veciño de Celanova; e J.C.A, de 24 anos e veciño da Valenzá.
REXISTROS
A Guardia Civil realizou catro rexistros nos domicilios dos detidos, onde se incautou das 8.500 doses de cocaína, 100 de hachix, 2.000 euros en efectivo, así como de diversos útiles para a manipulación e elaboración da droga. Tamén se comisaron tres vehículos.
Segundo indicou o Instituto Armado, o valor da droga incautada alcanza os 200.000 euros. Está previsto que os detidos pasen a disposición xudicial este luns no Xulgado de Instrución Número 1 de Ourense.











