Os sindicatos esixen ao Sergas que ordene o cadro de persoal e que non derive a responsabilidade aos xulgados

O conselleiro de Sanidade na inauguración da mostra
Representantes das organizacións con representación na mesa sectorial (CIG-Saúde, UGT, Satse e CSI-F) compareceron este luns en rolda de prensa para denunciar o “carácter fraudulento” das contratacións sucesivas de persoal para cubrir prazas estruturais no Sergas e demandar a súa cobertura “atendendo á legalidade vixente” no pacto de contratación.
Os sindicatos explicitar a súa postura conxunta despois de transcender a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que obriga a dar estabilidade a traballadores que encadean anos de contratos eventuais, unha cuestión sobre a que xa houbo un primeiro encontro con responsables de recursos humanos do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Na rolda de prensa deste luns, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explicou que no Sergas “xa existen sentenzas nas que se recoñece o carácter fraudulento” na contratación e declaran a condición de persoal interino dos profesionais denunciantes.
Xunto a iso, recordou que as organizacións sindicais demandan dende 2010 que “todas as prazas estruturais se cubran con persoal interino” procedente das listas de contratación e atendendo ao criterio de prelación.
“A xente está ordenada nesta lista por superar máis dun proceso selectivo sen alcanzar praza, por acreditar moitos anos de experiencia profesional e pola súa formación, que engade valor ao traballo”, remarcou Abuín, quen insistiu en que é o Sergas o que “ten que ordenar o seu cadro de persoal e non os xulgados”.
Por iso, reclamaron a inmediata convocatoria da mesa sectorial ao entender que a Administración “non se “pode paralizar” malia estar o goberno en funcións. “Non estamos de lexislar nin de pactar nada novo, senón de cumprir a lei e aplicar as normas que xa existen”, esgrimiu.
AVANZAR NA “ESTABILIZACIÓN”
Pola súa parte, en declaracións aos medios nun acto en Santiago, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, subliñou que á Xunta lle preocupa esta cuestión e que, precisamente por iso, mantivo unha primeira toma de contacto coas centrais sindicais.
“Somos sensibles a que é un tema moi importante e contamos coa idea de facer esa estabilización”, asegurou, antes de subliñar que, na actualidade no Sergas “xa hai unha estabilización moi importante do equipo, en torno ao 80 por cento”.
“E queremos seguir avanzando, houbo unha primeira reunión para ver as percepcións dos sindicatos, que non sempre son uniformes e seguiremos reuníndonos, pero estamos en fase de estudio da sentenza e cun goberno en funcións que non pode tomar decisións de transcendencia”, resolveu.











