O xuíz pide trasladar a nova documentación aos peritos para ver “se modifican” os seus informes
O titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, Andrés Lago Louro, pide trasladar a nova documentación presentada por Adif aos peritos Frans Heijnen, James Robert Catmur -designados por QBE, a aseguradora de Renfe- e Enrique Castillo Ron -catedrático ao que o perito xudicial Juan Carlos Carballeira encargou un informe- para que manifesten, todos eles, “se manteñen ou modifican” as súas conclusións.
Solicítao a través dun auto, emitido este martes para comunicar o novo aprazamento da vista na que debían comparecer, este mércores, os tres peritos, para ratificar xudicialmente as súas informes “iniciais”, segundo precisa o maxistrado.
Agora, a nova data está fixada para o 18 de outubro, ás 9,00 horas no caso dos dous primeiros e ás 11,00 horas no caso do terceiro.
“A presentación de nova documentación directamente vinculada co obxecto da devandita ratificación pericial esixe que, con carácter previo á práctica da devandita dilixencia, os peritos e as partes tiveran tempo abondo para coñecer o seu contido e realizar a posteriori matizacións e preguntas que estimen necesarias”, argumenta.
En caso de non acceder á solicitude de suspensión que formularon “varias partes”, Lago Louro admite que “a eficacia da ratificación pericial quedaría seriamente minguada, non sendo descartable o seu ultierior reiteración”.
A maiores, o instrutor solicita enviar a documentación aos tres peritos xudiciais, aos que encargou o 1 de setembro, no prazo de tres meses, un novo informe para dilucidar se Adif avaliou correctamente o risco na curva de A Grandeira.
AUTO DE SETEMBRO
Ese día, a través dun auto, o xuíz demandaba estes peritos que botasen luz sobre “se son ou non correctas as avaliacións de risco realizadas nos informes de Castelo e Heijnen e a determinación do nivel de risco resultante na curva e a súa aceptabilidade técnica”; así como “a corrección ou non da exportación de riscos ao maquinista ou Renfe nos termos en que foi efectuada”.
Tamén quería que se aclarase “se é certo que, como se alude polo informe Heijnen, existía un consenso técnico entre os expertos sobre a necesidade de protección das transicións significativas de velocidade mediante sistemas de control continuo ou puntual”. Na causa incluíuse ese día un informe pericial complementario realizado por Heijnen e Catmur.
DOCUMENTACIÓN DE ADIF
Este luns, a dous días da vista dos peritos, Adif enviou 300 folios ao xulgado acompañados por un escrito da Avogacía do Estado no que esta admitía omitir “por erro” esta información, ao seu xuízo “relevante”.
Non obstante, distintos expertos e partes comparecidas na causa consideran que con estes documentos o que busca a entidade pública empresarial é “torpedear” a investigación, ao tratarse dunha análise de risco “parcial” similar a outro xa obrante na causa.











