O Tribunal Supremo desestima os recursos dos pais de Asunta e confirma a sentenza
A Sala II do Penal do Tribunal Supremo desestimou os recursos presentados polos pais de Asunta, Rosario Porto e Alfonso Basterra, e ratificou a sentenza que os condenou a 18 anos de prisión polo asasinato da súa filla.
Esta decisión foi adoptada por maioría do tribunal, segundo confirmaron fontes xudiciais, só un día despois de que o alto tribunal ampliase nun mes o prazo para pronunciarse.
Os recursos presentados polos condenados ante o Supremo foron abordados nunha reunión o pasado 21 de setembro e retomados no encontro da seguinte semana. Pasado este trámite, establecíase un prazo de 10 días para ditar sentenza que foi ampliado nun mes este luns e que agora se pecha coa resolución adoptada, á espera de que en próximos días se coñeza o fallo.
Foron presentados polas defensas de Porto e de Basterra despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificase a condena a 18 anos de prisión para cada un dos pais que determinou a Audiencia Provincial da Coruña polo asasinato da súa filla Asunta.
No mes de marzo, o TSXG confirmou a condena aos pais de Asunta emitida pola Audiencia Provincial nun auto no que se avalaban os feitos recollidos como probados no auto orixinal do xuíz Jorge Cid Carballo, agás no punto que se refire á participación directa de Alfonso Basterra na morte da nena.
MODIFICACIÓN SEN ALTERACIÓN DE PENA
Así, o alto tribunal galego introduciu unha modificación no feito probado segundo a cal foi Rosario Porto a única culpable de asfixiar a súa filla Asunta, aínda que determinou que isto o fixo “en execución do plan preconcibido” con Alfonso Basterra para acabar coa vida da menor.
Aínda tendo en conta isto, e tras desestimar as irregularidades alegadas polas defensas dos pais, o TSXG indicou que a pena que cabía impoñer a Basterra por este caso era a mesma que a Porto, 18 anos de prisión por asasinato con agravante de parentesco e abuso de superioridade. Agora o Supremo ratificou os fundamentos da sentenza.
Asunta Basterra Porto, de 13 anos, morreu asfixiada o 21 de setembro de 2013, aínda que o seu corpo, abandonado nunha pista forestal nas proximidades de Santiago de Compostela, non foi localizado ata a madrugada do día 22. A investigación posterior, que rematou co encarceramento dos seus pais adoptivos, determinou que, ademais, a menor consumira antes da súa morte e nos meses previos distintas cantidades de ‘lorazepam’, a última en rango “tóxico”.











