O Samaín regresa a Santiago con concursos de escaparatismo e actividades familiares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

Santiago de Compostela recuperará a festa tradicional do Samaín con concursos de escaparatismo na cidade e actividades para toda a familia, como charlas e talleres de gravado de cabazas.

Esta festa foi presentada este venres en rolda de prensa polos concelleiros de Educación e Comercio, Manuel Dios e Marta Lois, respectivamente, acompañados polo impulsor da recuperación desta celebración ancestral, Rafael López Loureiro.

Así, o parque de Bonaval acollerá o próximo día 29 un magosto ao que o concello recomenda asistir “de civil” ou disfrazado simplemente de fantasma ou coa cara emborronada simulando ser “un ánima”.

Trátase, segundo as palabras de Manuel Dios, de non converter o Samaín “tradicional nunha feira de disfraces” de Frankenstein ou Drácula, ao estilo das festas de Halloween que “perverten” os “valores” da nosa celebración.

OUTRAS ACTIVIDADES

En paralelo, o día 18 haberá unha conferencia de Rafael López Loureiro no edificio Cersia e o día 22 un taller de gravado de cabazas na Praza do Toural.

Ademais, o concelleiro deu conta de que ata o 1 de novembro, calquera colexio e centro sociocultural da cidade pode solicitar a presenza de López Loureiro para impartir un taller.

Pola súa banda, Marta Lois animou aos comercios da cidade a presentarse ao concurso de escaparatismo vinculado aos motivos e a tradición de Samaín.

Poderán inscribirse ata o día 25 e entre as condicións figuran non incorporar elementos que non se consideran propios do Samaín, como zombis, bruxas ou arañeiras.

“HALLO-MAÍN”

Pola súa banda, o promotor da recuperación da festa do Samaín explicou aos xornalistas que puxo en marcha o seu labor cando descubriu que, a través da súa profesora de inglés, a súa filla comezaba a participar nas celebración de Halloween.

Recordando como na súa nenez se tallaban as cabazas para, a xeito de “modestísimo xoguete rural”, asustar aos demais, decidiu recuperar esa práctica. Foi entón cando se atopou co “cariño” co que os seus coetáneos, e outras persoas de máis idade do seu pobo, Cedeira (A Coruña), evocaban esa etapa.

Ademais, sinalou, cando se implantou a festa en Cedeira “foi de marabilla” e tamén tivo “moita aceptación” noutros municipios. Non obstante, lamentou que se “mesture” con elementos da tradición anglosaxona, e convértase en “Hallo-maín”.

14 de outubro de 2016 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.