publicidade hoxe

“O rueiro das liortas’ chega a Brión da man de política lingüística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A actividade ‘O rueiro das liortas’, nova proposta do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’, chega mañá, sábado, ao concello coruñés de Brión, da man da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Dirixida a todos os públicos desde os oito anos de idade, poderase gozar con entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala no Centro Social Polivalente ás 19:00 horas.

‘O rueiro das liortas’ é unha proposta escénica inspirada na comedia da arte italiana e no teatro popular que afonda nas relacións de parella e nas dificultades para manter vivo o amor. O dinamismo dos elementos escenográficos que representan diferentes espazos, un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes e un neno e unha nena que fan valer a súa verdade son os ingredientes para que esta comedia iniciática, vista desde unha óptica feminina, nos ofreza a súa particular visión dunha realidade na que as persoas teñen por afección meter o nariz onde non as chaman.

Na liña dos espectáculos creados por Elefante Elegante, teatro visual baseado no texto e no movemento, a peza busca a universalidade e fusiona a palabra con outras linguaxes coma o teatro físico, a danza ou as artes plásticas e visuais. O obxectivo desta cuarta proposta do FalaRedes 2016 é que a cativada e a mocidade se acheguen ao teatro en lingua galega por medio dunha obra de coidada estética na que as emocións, os afectos, o humor e a palabra van dan man.

Próxima parada, o concello coruñés de Miño

Catro días despois da representación en Brión, o vindeiro mércores, día 12 de outubro, o espectáculo ‘O rueiro das liortas’ tamén recalará no concello coruñés de Miño. A cita terá lugar no Centro Social da Rúa, ás 19:00 horas. Despois das funcións en Brión e Miño axenda deste mes de outubro levará á compañía Elefante Elegante ata San Cristovo de Cea. No vindeiro mes de novembro a xira continuará por Negreira, Mesía, Carballedo, Barbadás e Castrelo de Miño.

Coma sempre no ‘FalaRedes’, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información sobre a nova edición e o calendario completo de funcións xa están dispoñibles no Portal da Lingua Galega, nas redes sociais do programa e na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes 2016′

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolven ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo deste ano, ‘FalaRedes’ puxo en marcha en case un cento de concellos da RDL as propostas ‘Todo me fala de ti’, ‘A viaxe de Rosalía’, ‘Xente miúda, moita fartura’ e ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’. Nas catro edicións anteriores, o programa chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.

7 de outubro de 2016 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.