O premio do certame de vídeos de Lecer Consumo recae na súa cuarta edición en estudantes de San Sadurniño
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta tarde o recoñecemento ao equipo gañador do concurso de vídeos do programa de actividades Lecer Consumo, que na súa cuarta edición recaeu en estudantes do concello coruñés de San Sadurniño.
Unha das actividades que se propoñían dentro de Lecer Consumo, co que se busca cada ano aproximar á poboación os valores do consumo responsable a través do ocio estival, e no que este ano participaron máis de 2.000 persoas, chegando a 25 concellos galegos, era unha xincana de Lecer, Dieta equilibrada e Promoción dos produtos locais, ao remate da cal os participantes gravaban un vídeo por grupos.
Nestes vídeos, que foron publicados no facebook da Escola Galega de Consumo, os participantes debían deseñar un plan para realizar na súa vila ou cidade, promovendo os espazos naturais da súa contorna e os alimentos locais que contribúan a levar unha dieta saudable, propoñendo unha xornada que inclúa alternativas de lecer que puidesen levar a cabo no seu concello.
O vídeo do equipo premiado, formado por 3 rapaces e rapazas de San Sadurniño de entre 8 e 12 anos, e que leva por título “Escolle o teu camiño, vai ata San Sadurniño”, foi con 376 votos, o máis votado dos 51 vídeos que se presentaron, e foi reproducido máis de 8.900 veces.
O programa Lecer Consumo, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, celebrou unha nova edición este verán baixo o lema Este verán, un consumo responsable e un lecer san, e centrouse nas temáticas de publicidade, comercio xusto ou dieta equilibrada. As actividades desenvolvéronse dentro dos campamentos urbanos e outras iniciativas impulsadas por diversos concellos e entidades para os meses de xullo e agosto.
Esta iniciativa está dirixida ao conxunto da poboación galega, adaptando a súa oferta ás necesidades de cada colectivo participante tendo en conta criterios de idade. Ademais da xincana No verán, un lecer responsable está na túa man, para rapaces de 8 a 12 anos, este verán tamén se propoñía para nenos e nenas de 3 a 7 anos un obradoiro en torno ás alternativas de ocio que non respondan só ao lecer como produto de consumo, coa proposta de O xogar non ten cancelas, que incluía a narración dun conto e a creación dun xoguete.
Os participantes maiores de 13 anos puideron coñecer criterios de seguridade nas diferentes formas de viaxar, a compra de viaxes pola internet, así como os dereitos que teñen os consumidores do tempo de lecer a través do obradoiro De oca a oca, os dereitos non se tocan. Tamén se propoñía unha charla sobre os riscos do sedentarismo, o consumismo ou o uso abusivo das novas tecnoloxías, destinada ao público adulto.