O ministro de Pesca e Recursos Mariños de Namibia descobre o labor do Intecmar
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, e a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, Intecmar, Covadonga Salgado, acompañaron esta mañá ao ministro de Pesca e Recursos Mariños de Namibia, Bernhard Esau, e a outros membros do Goberno deste país africano na súa visita ao Intecmar e a unha batea de mexillón.
A visita desta delegación tamén inclúe a asistencia á feira Conxemar e responde á invitación do presidente da Xunta trasladada en xuño ao Ministro a través da conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a viaxe que realizou ao país africano para abordar diferentes aspectos sobre as relacións pesqueiras e comerciais e a cooperación entre Namibia e Galicia.
No Intecmar, Covadonga Salgado explicoulles o funcionamento deste centro punteiro no control de calidade do medio mariño e o seu labor en relación ao control das biotoxinas mariñas e á clasificación das zonas de produción segundo a súa situación microbiolóxica. Tamén o control que realiza sobre a contaminación química por hidrocarburos, metais pesados e compostos organoclorados e como se fai o centro o seguimento das patoloxías de moluscos e peixes.
Ademais o ministro Bernhard Esau e o resto dos membros da delegación namibia, acompañados polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, puideron coñecer as técnicas de produción do mexillón que se empregan na nosa comunidade a través da visita a unha batea da ría de Arousa.











