O Hospital Clínico de Santiago acolle a mostra ‘Photovoice: fotografando a depresión’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
O conselleiro de Sanidade na inauguración da mostra. Foto: C. Paz

O conselleiro de Sanidade na inauguración da mostra. Foto: C. Paz

O conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu hoxe a inauguración da exposición Photovoice: Fotografando a depresión que se pode visitar no recibidor do Hospital Clínico de Santiago.

Photovoice, explicou, consiste nunha estratexia de investigación e acción participativa na que as persoas crean e analizan fotos que serven para explicarlle ao grupo a súa realidade vital. No caso desta exposición, recóllense as vivencias da súa enfermidade.

Vázquez Almuiña observou que, debido ás características particulares desta doenza na infancia e na adolescencia é importante contar con profesionais de atención primaria e especialistas en saúde mental con formación e experiencia no manexo do trastorno neste grupo de idade.

Indicou, así mesmo, que o Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade, conscientes desta realidade promoveron hai sete anos, a través do Proxecto GuíaSalud, a elaboración da Guía de Práctica Clínica sobre a Depresión Maior na Infancia e Adolescencia, que se está a modificar este ano.

Esta Guía, sinalou o conselleiro en funcións, estase a actualizar cunha metodoloxía innovadora que recoñece a importancia de incorporar aos pacientes nos procesos de toma de decisións compartidas, xa que esta interacción promove a transparencia e achega información valiosa para integrar valores e preferencias. Neste sentido, salientou a aposta do Servizo Galego de Saúde por integrar e implicar aos pacientes de forma activa en todas as fases da asistencia sanitaria, dende á planificación ata a toma de decisións.

O conselleiro en funcións explicou na súa intervención que nos últimos anos houbo un importante incremento da prevalencia desta patoloxía a nivel mundial e, de xeito paralelo, unha diminución da súa idade de comezo, de maneira que se converteu, segundo a Organización Mundial da Saúde, nun importante problema de saúde pública.

A depresión ten un grande impacto sobre o crecemento e desenvolvemento persoal de nenos e adolescentes, sobre o seu rendemento escolar e as súas relacións familiares e interpersoais.

24 de outubro de 2016 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.