O goberno compostelán aclara que só hai subvencións directas para os festivais Cineuropa e Curtocircuíto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O Concello de Santiago aclarou, ante as críticas recibidas por parte da Fundación Araguaney en relación á “falta de apoio” á semana de cine euroárabe Amal, que se informou aos promotores de que non se fan subvencións directas” -máis aló de Cineuropa e Curtocircuíto- e que podían participar na convocatoria de axudas competitivas.

Despois de que o ano pasado se retomase a colaboración -suspendida durante o mandato do PP- coa cesión do Teatro Principal, fontes do Consistorio consultadas indicaron que, nesta edición, mostrouse de novo “dispoñibilidade” para a cesión de novo deste espazo.

Con todo, as mesmas fontes sinalan que, cando eles confirmaron as datas do festival, o Principal estaba ocupado “en tres deses días”.

O goberno local sostén que se iniciou o traballo para mover ás compañías que tiñan ditas reservas e que Amal puidese contar con ese espazo, pero que, entre tanto, os promotores do festival de cine euroárabe chegaron a un acordo con Abanca para poder facer os pases das películas no seu Auditorio.

“FALTA DE SENSIBILIDADE”

Este mesmo martes, na presentación de Amal, o presidente da Fundación Araguaney, entidade que xa emitiu un comunicado lamentado que “políticos” de Santiago “desprecen” a cultura árabe ao considerar que o seu cine “forma parte dunha cultura inferior” e consideren que non se merece un oco na vida da cidade”, incidiu de novo na “falta de sensibilidade” de determinadas institucións.

“Non porque necesitemos os seus fondos”, defendeu Ghaleb Jaber Ibrahim, quen defendeu a importancia de que a sociedade galega entre en contacto coa cultura árabe para ser “máis completa”.

11 de outubro de 2016 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.