publicidade hoxe

O DOG publica a orde de aprobación do Plan xeral de Oímbra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOímbraOurense
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se aproba o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Oímbra. Trátase dun importante avance para o concello, que ata o momento carecía de planeamento propio e rexíase polas Normas complementarias e subsidiarias provinciais de Ourense de 1992.

Entre outros avances, o planeamento pon en valor o patrimonio arquitectónico e natural do concello, ao tempo que contrarresta o déficit de espazos públicos nos núcleos rurais. Así, por exemplo, contempla unha nova zona verde no entorno de Oímbra e mellora as infraestruturas viarias deste núcleo a través da ampliación de beirarrúas; do ensanche e pavimentación do sistema viario; do reforzo da EDAR que dá servizo aos núcleos de Oímbra e O Rosal; e da mellora das redes de saneamento e depuración.

Ademais, o novo PXOM –no que a Xunta colaborou con case 80.000 euros- recoñece e protexe os valores ambientais do concello, entre os que cabe destacar o espazo que conforma o río Támega, integrado na Rede Natura 2000 e na rede galega de espazos protexidos.

Outro dos puntos relevantes do novo planeamento é que fomenta o mantemento das actividades económicas, establecendo unha reserva de solo de carácter empresarial que mantén o ámbito recollido no plan especial aprobado en 2012 polo concello.

En canto á clasificación do solo, o planeamento delimita 11 núcleos rurais e cualifica todos eles como histórico-tradicionais, agás o de Terrón, que está considerado como núcleo común. O PXOM prevé, ademais, un Plan especial de ordenación no núcleo rural de Oímbra para acoller a construción de vivenda protexida, para o que delimita unha actuación integral de 9.011 metros cadrados ao leste, xunto ao colexio.

En calquera caso, o planeamento está configurado de xeito que poida absorber un posible crecemento da poboación, sempre dentro dun marco ordenado e sostible. Actualmente, existen 1.253 vivendas en solo de núcleo rural. A ordenación prevista permitiría acoller, no horizonte temporal do Plan, ata 925 novas vivendas.

Pola súa banda, o resto da superficie municipal quedaría protexida, xa que o PXOM clasifica máis de 9.000 hectáreas como solo rústico de especial protección, dentro do que se diferenza entre cada unha das súas categorías en función dos valores naturais de cada zona.

14 de outubro de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.