publicidade hoxe

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Burela comprométense a rematar as obras para a segunda escola infantil da “Galiña Azul”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurela
A-
A+

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, comprometéronse esta mañá a rematar as obras pendentes para poñer en funcionamento a que será a segunda escola infantil da rede autonómica “Galiña Azul” nesa localidade da Mariña lucense. O acordo chegaba logo dunha reunión de traballo na que ademais de Rodríguez e Llano estiveron presentes técnicos dos dous organismos e que se desenvolveu na sede do ente da Consellería de Política Social, en Santiago de Compostela.

Así as cousas, xerente e alcalde acordaron que o Consorcio leve a cabo o acondicionamento da parcela (incluídos a construción dunha escollera para soster o patio exterior e do valado completo do solar), mentres que o Concello se encargará da acometida do subministro eléctrico e do saneamento -conexión de pluviais e residuais-.

O compromiso de ambas as dúas partes é completar a parte principal desas actuacións antes de que remate este ano, co que para principios de 2017 só quedarían os últimos detalles de axardinamento da parcela, e o centro podería entrar en servizo durante o presente curso escolar. A eses efectos, o Consorcio baralla a posibilidade de abrir un período extraordinario de matrícula para esa nova escola, unha vez se coñezan os prazos concretos de conclusión de todos os traballos.

O retraso que se tiña producido, e que imposibilitou a apertura da segunda escola infantil en Burela, debeuse a que foi necesario solicitar ao ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) un permiso para a construción da escollera do patio e este non chegou ata mediados do pasado mes de agosto.

A segunda “Galiña Azul” de Burela, situada na zona de Os Castros, terá unha capacidade máxima de 41 nenos (3 unidades), que se suman a oferta de 117 (8 unidades) do outro centro da rede autonómica dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que existe nesa localidade.

18 de outubro de 2016 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.