O conselleiro de Política Social visita o centro de día de Alento

Visita do conselleiro ao centro de día de Alento
O conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, visitou na mañá o centro de día da Asociación de Dano Cerebral de Vigo -Alento- que está asociada a FEDACE (Federación Española de Dano Cerebral) e que conta con máis de 56 usuarios. Rey Varela destacou que “todas as persoas que teñan dificultades serán a prioridade da Xunta nesta nova lexislatura e entre esas persoas están aquelas que sofren dano cerebral”.
Deste xeito, destacou o traballo de Alento en prol das persoas con dano cerebral e que pon ao servizo das familias un espazo de encontro, información, orientación e prestación de algúns servizos ás persoas afectadas por este problema. “A atención psicolóxica aos afectados, a atención hospitalaria, así como os programas de familias, de ocio e de tempo libre son obxectivos compartidos pola Xunta de Galicia e por Alento”, engadiu.
Con respecto á colaboración da Xunta de Galicia con Alento, o conselleiro en funcións estableceu que a chave dunha integración social plena é a colaboración coas entidades do tecido social. Nesta liña lembrou que a Xunta de Galicia aportou 2.800.000 euros para a construción do centro de día que hoxe conta cun concerto de 40 prazas e 327.541 euros de investimento, un 3% máis que en 2015.











