O Concello de Lugo pretende superar os 600.000 visitantes nas festas de San Froilán
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, confía en que se superen os “600.000 visitantes” para as festas patronais de San Froilán, que arrancan este martes día 4 e conclúen o próximo 12 de outubro.
Para este nivel de asistencia “será determinante o tempo”, que se prevé anticiclónico, posto que o “espectáculo está asegurado con máis de 200 actos encamiñados a todos os públicos e gustos”.
A alcaldesa destacou que se dedica un día ao Camiño Primitivo, para o que se invitou ao alcalde de Oviedo e ao de Santiago “nese inicio e nese fin do traxecto” desta ruta que representan ambas as dúas cidades e que foi declarado en 2015 Patrimonio de Humanidade por Unesco.
Tamén anunciou que se vai traballar para que o San Froilán sexa declarado Festa de Interese Turístico Internacional e así farase “unha difusión a través dunha emisora pública de Portugal, que abre unha porta internacional á proxección da cidade”.
Sosténdose nos datos do pasado ano, Lara Méndez espera igualmente que as festas “teñan un retorno de 11,5 millóns de euros”, para Lugo, ou mesmo que superen esta cantidade.
ARRANCAN AS FESTAS
As festas arrancan esta tarde ás oito e media co pregón a cargo do xornalista de Radio Lugo Paco Neto, que adiantou que será “un pregón moi sentido, de veciño” e no que vai falar “de moita xente do común” e se “van recordar moitos nomes que alí se van citar”.
“Tamén quero facer un aceno certas persoas vitais na cultura de Lugo e que me parece que teñen que ter un recoñecemento por parte da cidadanía. Vai estar feito co corazón”, explicou.
E como aperitivo a este San Froilán, o vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, inaugurou este martes na Praza Anxo Fernández da cidade, acompañado da alcaldesa, a vixésimo edición de ArteSanFroilán.
Trátase dunha mostra organizada pola Deputación, na que participan 25 artesáns baixo unha carpa que permanecerá instalada ata que conclúan as festas nesa emblemática praza que se atopa detrás da Casa Consistorial.











