O acusado de intentar matar o seu sobriño en Vigo cunha catana acepta cinco anos de prisión
Un veciño de Vigo, que sentou este martes no banco dos acusados como presunto autor dunha tentativa de homicidio por intentar matar o seu sobriño cunha catana, aceptou unha pena de cinco anos e un día de prisión, nunha vista de conformidade celebrada na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.
O home, Vicente Luis T.J., aceptou a pena proposta pola Fiscalía, que rebaixou a súa petición inicial (reclamaba 12 anos e medio de cárcere), así como a indemnización de máis 12.300 euros proposta e a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante seis anos.
Durante a lectura da sentenza, que foi declarada firme pola sala ao non haber intención de recorrer das partes, o acusado pediu insistentemente, entre bágoas, “protección” para os seus fillos e a súa familia. “Creo firmemente na Xustiza, pero quero protección, quero que deixen de facer dano á miña familia”, suplicou, ao tempo que insistiu en que non tiña diñeiro para afrontar o pagamento da indemnización.
O acusado tamén manifestou a súa intención de denunciar os supostos ataques á súa familia, mentres repetía que non fixera “dano a ninguén”.
ATAQUE
Segundo o escrito de acusación do Ministerio Fiscal, os feitos tiveron lugar a mediodía do 14 de xullo de 2014, cando o acusado, en compañía dun cómplice (que non foi xulgado por estar en paradoiro descoñecido) entrou na choupana na que vive a vítima, o seu sobriño, nun asentamento xitano na parroquia viguesa de Sárdoma.
Mentres o seu cómplice sostiña o sobriño, o acusado atacouno polas costas cunha catana, causándolle feridas no tórax e nun brazo, ao tempo que a vítima lle pedía que non o matase. Vicente Luis non se detivo ata que a noiva da vítima se interpuxo e sostívolle o brazo para evitar que seguise atacándoo.
O sobriño do acusado resultou con feridas de diversa consideración e necesitou 90 días para a súa recuperación. Ademais, quedáronlle secuelas estéticas e agravóuselle un estado de ansiedade previo.











