Noriega mostra a súa preocupación por que a nova facultade de medicina supoña reducir camas hospitalarias
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, indicou que “a única preocupación” que se deriva do proxecto para a nova facultade de medicina é que a súa construción supoña diminuír o número de camas hospitalarias da cidade.
Con todo, preguntado ao respecto durante a celebración de San Lucas na facultade de medicina, esperou “que haxa unha compensación” fronte a isto, como está contemplado”, segundo dixo, “vía Hospital Provincial”. “A nós parécenos importante”, apostilou.
Á marxe de este apartado, destacou que o Concello “ten unha vocación facilitadora no urbanístico para permitir a construción dunha nova facultade que non deixa de ser unha necesidade de cara a coordinar todo o espazo docente co espazo asistencial”. Ata agora, segundo apuntou, estase a “colaborar ao máximo na cuestión urbanística”.
Ademais, apuntou que “está claro” que este proxecto provoca “a liberación de equipamentos como pode ser o edificio de odontoloxía, que é de titularidad municipal”. “De cara a concentrar os servizos municipais é un equipamento que leva sendo demandado dende hai moito tempo e tería moita razón de ser dado que o Concello aboa muchísimo diñeiro en alugueres para as súas oficinas municipais en toda a cidade”, expuxo.
En calquera caso, recoñeceu que “aínda se está a falar dun proxecto a medio prazo”, polo que preferiu “non xerar expectativas cando o propio decano está a falar de 2018-2020”.
PRESUPOSTOS
Por outra banda, cuestionado pola negociación dos presupostos compostelanos, o rexedor opinou que se está nun “novo tempo político, fóra do clima electoral permanente”, e sinalou que el mesmo está a “exercer unha vía de diálogo permanente cos grupos municipais, especialmente co PSdeG e co BNG”.
O obxectivo, segundo resaltou, é “ir achegando posicións para o que ten que ser a negociación presupostaria”. “Eu son optimista porque entendo que entramos nunha nova etapa lonxe do debate permanente e creo que vai ser beneficioso para a cidade”, subliñou.











