Medio cento de persoas participan na fase presencial do curso de guías no Parque Nacional das Illas Atlánticas
Un total de 50 persoas participan desde mañá, e ata o próximo día 27, na fase presencial do curso de “Formación de guías na rede de Parques Nacionais”, que se desenvolverá mañá no arquipélago de Cíes e o xoves en Sálvora.
Esta actividade formativa, de carácter gratuíto, combina formación en liña –que comezou o 5 de setembro e rematou o pasado 16 de outubro- e presencial, que se inicia mañá con prácticas intensivas. Está coordinado polo Organismo Autónomo Parques Nacionais, e está desenvolvido polo Centro Nacional de Educación Ambiental e o propio Parque Nacional. Todos os alumnos foron seleccionados por convocatoria pública.
O principal obxectivo desta actividade formativa é capacitar aos participantes para dar a coñecer as distintas fórmulas de protección que axudan a fomentar a mellora do patrimonio natural e da biodiversidade. Durante o curso, o alumnado pode afondar os seus coñecementos en diversas materias, como na rede de espazos protexidos existentes a nivel estatal e europeo, ou na lexislación vixente dos Parque Nacionais. Deste xeito, os potenciais guías obteñen recursos e coñecementos relacionados co uso público e coa boa xestión dos espazos protexidos, e capacítanse para contribuír a un correcto desenvolvemento turístico dos Parques Nacionais.
A finalidade última desta formación é potenciar a mensaxe de que a protección de espazos e especies contribúe ao benestar tanto das persoas que habitan neses espazos, como dos turistas que os visitan. Por iso, o conxunto de normas e medidas lexislativas aprobadas nos últimos anos buscan facilitar un desenvolvemento sostible dos espazos protexidos, conxugando elementos sociais, ambientais e económicos.
Cómpre recordar que durante o ano 2014 realizouse unha primeira edición con formación en liña e presencial nos arquipélagos grazas á colaboración do Centro Nacional de Educación Ambiental (MAGRAMA) e o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, coordinados polo Organismo Autónomo Parques Nacionais. Grazas a este traballo consolidouse a formación de guías do Parque Nacional, un activo moi importante posto que o coñecemento e a protección de espazos e especies contribúe de forma notoria a todas as persoas que os habitan e aos turistas que os queren coñecer e visitar.
Ademais, cabe recordar que o recentemente aprobado Plan director de Parques Nacionais, que entra en vigor mañá mesmo e que foi aprobado polo Consello de Ministros o pasado venres, sinala que o exercicio como guías en parque nacional requerirá a habilitación por parte da administración xestora.











