Medio Ambiente rexistrará 15.000 pozos e analizará 1.000 quilómetros de rede para a mellora do sistema de saneamento de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

No marco dos traballos do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio rexistrará 15.000 pozos e analizará 1.000 quilómetros de rede para mellorar o sistema de saneamento da ría de Pontevedra.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, e a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, mantiveron esta tarde unha reunión cos representantes das Confrarías da Ría de Pontevedra e dos concellos de Poio, Marín e Pontevedra; aos que se lles indicaron que se tratan de labores recollidas nas primeiras fases deste proxecto (son un total de oito), que permiten coñecer con exactitude as características de todas as redes de saneamento e que completaran o traballo realizado ata o de agora, co que xa se teñen rexistrado 4.300 pozos e se analizaron máis de 130 quilómetros de rede.

Tal e como sinalou a conselleira de Medio Ambiente os traballos tecnicos prolongaranse ata maio de 2017. Estes traballos técnicos son necesarios para a medición da profundidade do mar e dos ríos, que ofrecen información imprescindible para poder realizar o anteproxecto do emisario submarino e da nova depuradora de Praceres.

Ambas representantes do Goberno galega sinalaron que a folla de ruta do Goberno galego é clara e coñecida, xa que o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa declara as obras de mellora do saneamento e a depuración da ría como obras de interese da Comunidade Autónoma.

Mato Otero recordou que se trata de proxectos valorados en máis de 45 millóns de euros, como a EDAR e emisario submarino de Praceres, a EDAR de Raxó ou a mellora da rede de saneamento de Marín.

Sobre a primeira das actuacións (Depuradora e emisario de Praceres), indicou que son obras clave para conseguir o saneamento da ría; polo que insistiu no gran traballo de topografía, batimetría e modelización que se está a levar a cabo e que permitirá axilizar a elaboración dos anteproxectos destas novas infraestruturas; ao que engadiu que a finais deste mesmo ano se iniciarán os traballos de redaccións do anteproxectos ou que permitirá finalizar a redacción do mesmo en marzo de 2017, segundo as previsións que manexa Auga de Galicia.

Sobre a Edar de Raxó o Concello de Poio, recordou que o Goberno galego reservou 5,7 millóns de euros para a súa execución. Grazas a esta nova planta resolverase a depuración da parte do concello que actualmente verte as súas augas residuais polo emisario submarino de Raxó sen depuración previa; ao tempo que poderá asumir parte das augas residuais que na actualidade Poio manda á EDAR de Praceres.

Por último, lembrou que as actuacións sobre a rede xeral de saneamento en Marín por valor de 4 millóns de euros están en proceso de licitación e que Augas de Galicia asumirá integramente o orzamento destas actuacións que van permitir controlar os caudais en tempo chuvioso, mellorarán a xestión das augas pluviais e evitarán que se produzan vertidos á ría; coa mellora do colector xeral de Marín, a execución dunha nova impulsión, e mellorar a estación de bombeo de Lameira.

As conselleiras de Medio Ambiente e do Mar destacaron o traballo que o Goberno galego está a desenvolver para conseguir o saneamento que precisa a Ría de Pontevedra, un traballo guiado polo diálogo e a colaboración cos concellos, confrarías e asociacións.

Beatriz Mato indicou que ese camiño é polo que se seguirá apostando tal e como se vén facendo desde 2009, e que se traduce nun investimento de máis de 600 millóns de euros que se investiron nesta materia, o cal supón arredor dun 60% dos 1.000 millóns de euros de investimento total destinado ao saneamento na Demarcación Galicia-Costa.

Pola súa banda, a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, subliñou a importancia de manter a ría saneada para que todos os mariscadores e mariscadoras da zona poidan desenvolver o seu traballo con normalidade, de xeito que o beneficio económico que obteñan da extracción dos recursos sexa unha maneira de devolverlle á sociedade o esforzo que se está a facer dende a Administración.

Neste sentido, destacou que o Goberno da Xunta aposta pola calidade dos produtos do mar de Galicia, o que leva aparellado estudos e seguimentos para poder buscar a maneira máis áxil e rápida de que todas as nosas zonas de produción acaden a mellor clasificación microbiolóxica posible, indicou.

11 de outubro de 2016 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.