González Formoso destaca a aposta da Deputación polo desenvolvemento rural nas Mariñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe sendas visitas institucionais aos concellos de Aranga e Irixoa, nos que destacou a “aposta” do organismo provincial “polo desenvolvemento dos municipios rurais da comarca das Mariñas”.

Un impulso refrendado cuns investimentos que, no bienio 2015-2016, superaron os 4 millóns de euros en ambos os dous municipios, segundo detallou González Formoso, que repasou cos alcaldes, Alberto Platas e Antonio Deibe, algunhas das obras financiadas con cargo aos diferentes plans provinciais, que serviron para construír e mellorar numerosas infraestruturas e servizos municipais.

Formoso destacou que o cambio de criterios do antigo DTC ao Plan de Acción Social (PAS) do actual goberno provincial fixo que a Deputación “centrase de novo o seu esforzo inversor nos pequenos e medianos concellos, que son os que máis precisan do noso apoio técnico e económico”.

ranga foi un dos concellos da provincia máis beneficiados por este cambio, pasando dos 147.909 euros que recibía no DTC aos 546.196,84 euros do PAS, cos que o municipio financia, entre outras obras, o acondicionamento de locais sociais en dúas parroquias, un plan de eliminación de barreiras arquitectónicas que incluirá a instalación dun ascensor na Casa do Concello e a pavimentación de camiños en Cambás e da estrada que une Ponte Aranga e o núcleo de Lousada, no concello veciño. Un vial moi transitado polos veciños para acceder en Irixoa a determinados servizos que non existen na parroquia de Aranga (supermercado, farmacia, bancos, tanatorio) e para ir a Betanzos.

Colaboración intermunicipal

Formoso citou a mellora desta estrada, na que a Deputación inviste 278.281 euros como un exemplo máis da “necesaria colaboración intermunicipal” nos concellos máis pequenos, onde é preciso “buscar novas fórmulas que permitan compartir os recursos e aproveitar mellor as sinerxias comarcais” para aforrar custes e mellorar a eficiencia dos servizos municipais. Un tema no que Aranga e Irixoa, xunto cos concellos de Monfero e Vilarmaior, levan traballando dende o ano 2013, a través da comunidade de concellos Lambre-Mandeo.

Neste sentido, o presidente comprometeuse a estudar unha das demandas destes municipios, que consiste na renovación e mellora da sinalética das diferentes parroquias e lugares dos catro concellos.

O presidente da Deputación salientou tamén que outros plans provinciais como o de Medioambiente (PMA) benefician especialmente aos concellos da área betanceira, ao tratarse de municipios rurais, con baixa densidade poboacional e maior número de espazos verdes no seu territorio.
Tanto Aranga como Irixoa están entre os dez concellos da provincia que maiores achegas reciben no PMA, con 90.213,88 e 73.355 euros, respectivamente, que en Aranga se destinarán á adquisición de novos colectores para recollida de lixo, mellora do alumeado público en Vilarraso e Aranga e á elaboración dunha auditoría sobre o consumo enerxético das instalacións municipais; mentres que en Irixoa servirán para financiar a conexión do polideportivo municipal á rede de saneamento, a mellora do alumeado público en Mántaras e Verís, e a contratación de persoal destinado ao coidado e mantemento dos espazos naturais

O emprego foi outro dos temas tratados durante a visita de hoxe. Tanto Aranga como Irixoa viron sustancialmente incrementada a partida que viñan percibindo para a creación de postos de traballo destinados a mellorar os servizos municipais, pasando dos 7.650 euros do anterior exercicio aos 21.920 e 18.967 euros de 2016, respectivamente. Unhas achegas que se inclúen no Plan de Emprego Local da Deputación e que permitiron a contratación, ata finais de ano de cinco persoas en Irixoa e catro en Aranga.

Melloras na estrada DP 3902

En Irixoa, González Formoso e Antonio Deibe visitaron a estrada DP-3902 Betanzos ao límite de Cernadas por A Viña e Xestal, unha estrada de 8,4 quilómetros de lonxitude, dos que 6,7 están sendo mellorados pola Deputación a través de dúas actuacións, unha delas xa adxudicada por importe de 160.614,14 euros e outra actualmente en licitación, cun orzamento de 276.663,03 euros.

O alcalde de Irixoa e o presidente da Deputación visitaron o cruce da Viña, á altura do PK 2,9, onde o goberno municipal solicitará o apoio económico da institución provincial para a construción dunha senda peonil de 350 metros que mellore a seguridade dos peóns que transitan pola zona.

13 de outubro de 2016 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.