Galicia participa como protagonista no V Congreso Internacional de Micoloxía “Soria Gastronómica”

Soria Gastronómica
O Centro Superior de Hostalería de Galicia acolleu esta mañá a presentación do V Congreso Internacional de Micoloxía “Soria Gastronómica” que reunirá a vinte destacados cociñeiros no Palacio de la Audiencia de Soria os días 24 e 25 de outubro baixo o título “Boletus. Territorio y sostenibilidad”.
Neste ano, Galicia será unha das grandes protagonistas do evento, posto que é a “Comunidade Invitada” ao Congreso polo que contará coa presenza, durante os dous días de celebración, dunha extensa delegación de cociñeiros do Grupo Nove. Concretamente, participarán no evento Pepe Solla, do restaurante Casa Solla, Xoan Crujeiras, do restaurante A Estación, Javier Olleros, de Culler de Pau, Héctor López, do Restaurante España, e Javier Rodríguez, xefe de cociña do catering Boketé.
Durante a presentación, que contou coa participación da directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, e o director xeral de Turismo de Castilla y León, Javier Ramírez Utrilla, así como de membros do Grupo Nove, resaltouse a importancia de Galicia como comunidade veciña que conta cunha gran riqueza natural e onde a micoloxía forma parte tanto da cociña de mar como da do interior.
O programa do Congreso aglutinará un carácter práctico e científico e reunirá aos mellores cociñeiros expertos en micoloxía do panorama nacional e internacional que suman 17 Estrellas Michelin.
Showcooking gastronómico
Na presentación no Centro Superior de Hostalería de Galicia, celebrouse un showcooking micolóxico como exemplo de carácter práctico, didáctico e novidoso do Congreso que terá lugar en Soria a finais deste mesmo mes.
Na demostración gastronómica participaron Héctor López, un dos chefs do Grupo Nove que vai estar presente no Congreso cun relatorio titulado “Cociña de Outono: a caza e os cogomelos”, e Óscar García, recoñecido cociñeiro soriano do restaurante “Baluarte” e un dos referentes da cociña micolóxica a nivel nacional, que tamén estará presente no Congreso co relatorio “Cociña Kilometromenos I”, nunha intervención conxunta co cociñeiro galego Javier Olleiros.











