Formoso agarda que A Coruña se converta nun referente internacional na seguridade do sector portuario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O titular da Deputación, Valentín González Formoso, presidiu hoxe a clausura do II Congreso Internacional de Seguridade Industrial en Portos, un acto que contou tamén coa asistencia do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, o comisario provincial de Policía, José Luís Balseiro e o subdirector xeral de Emerxencias de Galicia, José Antonio Gradas.

No seu discurso de peche, González Formoso subliñou que espera que a celebración deste congreso “contribúa a converter á provincia da Coruña nun referente internacional en materia de seguridade no sector portuario” e destacou o gran potencial do territorio pola súa ubicación estratéxica e polas infraestruturas e empresas que operan nos ámbitos portuarios.

Ao congreso acudiron técnicos especialistas procedentes de dez países diferentes: Estados Unidos, Suecia, Polonia e Holanda, entre outros. Houbo tamén representantes do porto de Barcelona ou Rotterdam, o Instituto de Investigación Técnica de Suecia, ou os bombeiros de Varsovia. Os expertos presentaron algúns dos proxectos en materia de seguridade en portos para combater os riscos petroquímicos. A industria portuaria de gas natural licuado, así coma as innovacións para calcular as radiacións técnicas e a implantación de novas tecnoloxías para a xestión de emerxencias foron os temas de investigación que máis se trataron neste II Congreso Internacional de Seguridade Industrial en Portos.

Nas xornadas tamén estiveron presentes o presidente do Porto da Coruña, Enrique Losada, a xefa da área de Seguridade Portuaria do Estado, Celia Tamarit, o xefe da unidade de Protección Civil da delegación do Goberno en Galicia, José María Maia, e o presidente do Centro de Estudos de Seguridade Contraincendios (CESCI). Todos eles coincidiron en sinalar a importancia da seguridade como un dos elementos máis importantes, xunto coa necesidade da optimización da xestión portuaria. Para iso, a coordinación de protocolos de emerxencias e incorporación de novas tecnoloxías son indispensables.

14 de outubro de 2016 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.