Finaliza a presenza coruñesa na Semana Europea das Rexións
Os técnicos municipais presentes na Semana Europea das Rexións, que se celebra en Bruxelas, remataron hoxe a súa actividade cunha visita guiada ao Parlamento Europeo e unha sesión sobre os servizos para parados de longa duración e outros colectivos vulnerables.
Os representantes da provincia puideron coñecer e compartir impresións cos eurodeputados galegos Francisco Millán Mon e Lidia Senra Rodríguez, que explicaron o seu papel no seo das institucións comunitarias e o rol da Unión Europea no desenvolvemento das rexións.
O deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, que encabeza a expedición, destacou que a experiencia permitiu “establecer lazos e compartir experiencias” con representantes técnicos e políticos doutras rexións europeas e manifestou a súa confianza en que destes contactos poidan saírno futuro novas iniciativas e proxectos para os concellos da provincia.
Ademais, os técnicos de Camariñas, Cerdido, Curtis, Arteixo, Cabanas, San Sadurniño, Dumbría e Abegondo asistiron a un seminario sobre os servizos municipais dirixidos a persoas con especiais dificultades de inserción laboral, parados de longa duración e outros colectivos vulnerables.
Pola súa banda, os técnicos de Abegondo e Ponteceso recibiron unha formación sobre infraestruturas sostibles e os seus beneficios socioeconómicos. O representante de Narón escolleu unha charla sobre a especialización nas zonas urbanas e cómo potenciar o seu desenvolvemento.
Con estas actividades, clausúrase a Semana Europea das Rexións, organizada polo Comité das Rexións en Bruxelas, e á que os técnicos da provincia asistiron coordinados pola Deputación e o centro de información europea, Europe Direct. O evento comezou o 10 de outubro e contou con 130 charlas, simposios e seminarios centrados no crecemento económico sostible, a elaboración de políticas económicas inclusivas e a xestión de fondos ESI (Fondos Estruturais e de Investimento).











