Ferreiro: “Pasar de recibir insultos por parte do PSOE a integralos no goberno é un paso demasiado brusco”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, considera necesario desenvolver unha “relación de confianza” co PSOE antes de “formular en serio” a entrada dos socialistas no goberno municipal da cidade herculina.
“Pasar de recibir insultos por parte do grupo socialista a integralos no goberno é un paso demasiado brusco”, afirmou Ferreiro, que opina que “ten que haber unha canle intermedia que permita gañar unha relación de confianza” para poder despois falar da hipotética entrada dos socialistas.
Para “formulalo en serio”, Ferreiro cre que antes hai que desenvolver “unha relación de confianza” co PSOE. “Ten que ver con traballar xuntos en feitos concretos como ordenanzas, presupostos”, dixo a preguntas dos xornalistas en relación á proposta do PSOE de entrar a formar parte do goberno municipal co obxectivo de dar estabilidade.
“TRABALLAR XUNTOS”
O alcalde da Coruña insistiu en que, antes de abordar calquera entrada dos socialistas no goberno de María Pita, “hai que traballar xuntos”.
“Ese goberno podería funcionar pero agora mesmo o vexo difícil, despois de recibir tortas do PSOE durante ano e algo”, comentou Ferreiro, que insiste en que non é cuestión de que o PSOE apoie os presupostos ou non, senón que hai que demostrar que “podemos traballar xuntos”.











