publicidade hoxe

Educación prepara un investimento de 180.000 euros no CEIP de Reibón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten xa preparado un orzamento de mellora das instalacións do CEIP de Reibón (Moaña), cun investimento que estaría arredor dos 180.000 euros. Así llo explicou o xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, ao novo director do centro, Pedro Rodicio; nunha reunión mantida esta mañá.

No encontro, celebrado na Delegación da Xunta na cidade do Lérez, ambos analizaron as prioridades de actuación en materia de obras, considerando necesario acometer o pintado e acondicionamento da fachada principal do centro – que non presenta problemas estruturais, senón de mantemento- e a renovación de parte das fiestras, tal e como indica o informe a Unidade Técnica. Neste sentido o xefe territorial explicoulle ao director que o seu departamento xa ten preparado un proxecto ao respecto no que se estima o devandito custe das obras.

Así mesmo, César Pérez Ares sinalou que esta información vai ser remitida ao Concello de Moaña co fin de que colabore coas melloras, por exemplo a través da sinatura dun convenio de colaboración no que cada parte asumiría o 50% do importe, tal e como se fixo en outros casos similares. De feito, nunha reunión mantida entre a alcaldesa e o xefe territorial, a rexedora municipal amosou a súa dispoñibilidade a colaborar con estas obras; e mesmo pediu que se lle remitira o orzamento para telo en consideración nas contas municipais.

4 de outubro de 2016 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.