publicidade hoxe

Denuncian a aparición de tenreiros mortos en Castro de Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal PortadaSucesos
A-
A+
Europa Press

Un veciño de Castro de Rei denunciou que cada unha ou dúas semanas aparecen nun punto da parroquia Veiga de Pumar tenreiros mortos sen chapa de identificación.

Alberto López relatou como na zona na que pasea aos seus cans se atopa, cada poucos días, con reses mortas “sempre no mesmo punto”. A semana pasada foron “tres crías” e, a anterior, “dous” tenreiros.

“Os animais aparecen sempre no mesmo punto ao lado dunha estrada, a 300 metros das casas”, detallou.

A segunda vez que se atopou cos animais mortos alertou o 112, que o derivou ao Concello de Castro de Rei, quen se encargou finalmente da retirada dos animais.

“Días despois vi que estivera alguén retirando os animais porque había restos de luvas de plástico, que tampouco deberían estar alí, pero que demostraban que estiveron a recoller os restos”, explicou.

EN CONTACTO CO SEPRONA

Noutra ocasión púxose en contacto coa Garda Civil de Vilalba, pero advertíronlle que non era competencia do Seprona. López expuxo as súas dúbidas sobre o modo en que debía proceder cada vez que se atopa cos animais mortos, pero dende a Garda Civil non lle aclararon o procedemento a seguir, asegurou.

Este veciño de Veiga de Pumar insistiu en que os animais aparecen intactos, polo que sospeita que poida tratarse de crías que falecen no nacemento ou pouco despois e que nin sequera chegan a ser dadas de alta na explotación da que proceden.

Ademais, expresou as súas frustracións ante esta situación pola ausencia de respostas “contundentes” e por descoñecer “de quen é a responsabilidade”.

10 de outubro de 2016 | 16:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.