Coro Piñeiro apunta a importancia da atención temperá para mellorar a atención das persoas e previr complicacións futuras
A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro, participou na xornada de hoxe na inauguración do centro de Desenvolvemento Neurolóxico Infantil e Atención Temperá ‘Primeiros pasos’ da asociación Amencer-Aspace. Alí, a directora xeral salientou a importancia da atención temperá “para mellorar a atención das persoas e previr complicacións futuras a través da promoción da autonomía persoal e a inclusión social mediante a prestación dos servizos na proximidade das familias e nos contornos naturais da vida dos nenos e nenas”.
Deste xeito, Coro Piñeiro salientou o compromiso da Xunta de Galicia coa atención temperá como demostra a aprobación o pasado mes de xuño da orde pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás entidades locais galegas para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nas anualidades 2016 e 2017.
Na súa intervención, Piñeiro gabou o labor desempeñado por Amencer-Aspace e indicou que a Consellería de Política Social seguirá apoiando o traballo desta asociación como viña facendo a través dos concertos de reserva e ocupación de prazas para o mantemento dos centros de día para persoas con parálise cerebral sitos en Pontevedra (288.252,48 euros) e Vilagarcía de Arousa (98.155,84 euros).
Actualmente, ASPACE Galicia conta con nove centros cos que a administración autonómica ten concerto de prazas: Centro Residencial ASPACE CORUÑA, centro educativo ASPACE CORUÑA, centro de día AMENCER Pontevedra, centro de día Princesa Letizia AMENCER Pontevedra, centro de día AMENCER Lourizán, centro ocupacional APAMP, centro de día APAMP, vivendas tutelas As Camelias APAMP e o centro residencial APAMP. En total, a Xunta ten concertadas un total de 203 prazas no ano 2016, para as que achega máis de 3.300.000 euros. Ademais, a administración autonómica ten subscrito un convenio de colaboración coa entidade por valor de 85.000 euros. En total, a Xunta inviste neste exercicio máis de 3.425.000 euros na Federación ASPACE Galicia, coa finalidade de garantir unha mellor calidade de vida ao colectivo de persoas con parálise cerebral.











