Comparecen Nené Barral, a súa filla e outros investigados por delitos de contrabando e blaqueo
A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, citou para o pasado martes 11 de outubro aos investigados no marco da denominada ‘Operación Cebra’, por supostos delitos de contrabando de tabaco, delito fiscal e branqueo de capitais.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron que foron citados José Ramón ‘Nené’ Barral e a súa filla A.B.D. como presuntos autores de delitos de contrabando de tabaco, delito fiscal e branqueo de capitais.
Tamén en calidade de investigado foi chamado un socio de Extremadura, que responde a iniciais de M.A.C., neste caso por contrabando; e ao avogado C.S.D. por branqueo, que foi o único que non se acolleu ao seu dereito a non prestar declaración, segundo precisou o TSXG.
Fontes consultadas indicaron que este caso podería estar relacionado con feitos investigados por xulgados de Vilagarcía e Cambados, na bisbarra de Arousa, onde está afincado Nené Barral e a súa familia.
O pasado 6 de outubro, a titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo ordenou rexistros nun total de catro vivendas, unha fose de Galicia, e solicitou información nun despacho de avogados da Coruña que defendeu a Barral nun caso de branqueo.
Así, levaron a cabo rexistros en vivendas relacionadas con Barral na bisbarra de Arousa, situadas nas localidades de Vilanova de Arousa -un chalé en Sinas, onde ten a súa vivenda habitual-; en Portas -un pazo onde se fixeron plantacións de uva e kiwi- e na propia Ribadumia -herdanza por vía materna-.
A estas tres localizacións, a actuación de Vixilancia Aduaneira no bufete de avogados coruñés, de onde os axentes levaron as carpetas relacionadas co caso en que ese despacho defendeu a Nené Barral e que se saldou cun acordo entre o condenado, Fiscalía e Avogacía do Estado en maio deste ano; e a vivenda de Extremadura.
EXPEDIENTE XUDICIAL
Concretamente, nese proceso xudicial pechado e tras alcanzar un pacto coas autoridades xudiciais, Nené Barral non tivo que ir a prisión, malia que se confirmou á súa condena de dous delitos contra a facenda pública por defraudar 338.493 euros na declaración da renda dos anos 2006 e 2007.
Así, Barral chegou a un acordo coa Fiscalía e a Avogacía do Estado, na que interviñeron diferentes fiscais e varias instancias da Avogacía do Estado, en relación á condena que lle pedían por dous delitos fiscais derivados de negocios eólicos e de acuicultura desenvolvidos en China e Chile, diñeiro que ocultou á Axencia Tributaria na declaración da renda dos mencionados anos.
A cambio de recoñecer que non pagou ao fisco español 135.000 euros no ano 2006 e máis de 202.000 euros un ano máis tarde, Barral aceptou en maio deste ano unha condena de seis meses de prisión por cada un dos dous delitos fiscais. A pena foi substituída polo pagamento dunha multa de 24 meses cunha cota de 6 euros día, é dicir 4.320 euros.
INGRESOU 720.000 EUROS
Como requisito previo para alcanzar ese acordo, Nené Barral ingresou no xulgado 720.000 euros, dos que 338.000 euros corresponden á cantidade defraudada, aos que hai que sumar os intereses e dúas multas de 88.250,50 euros e de 131.746,10 euros polos dous delitos.
Nené Barral aínda tiña pendente, entón, un xuízo polos supostos delitos de contrabando, suborno e revelación de segredos oficiais que forzaron a súa dimisión no ano 2001, despois de 18 anos á fronte da alcaldía de Ribadumia.











