Castillo Ron chega aos xulgados
O catedrático da Universidade de Cantabria Enrique Castillo Ron chegou aos xulgados compostelanos pouco antes das 11,00 horas, para cando estaba convocado polo titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, que instrúe a causa polo accidente do Alvia.
Castillo Ron, a quen encargou un informe o perito xudicial Juan Carlos Carballeira e que, nun último documento achegado á causa, sostén que a metodoloxía de Adif para avaliar riscos “non é a máis axeitada”, declinou facer declaracións á entrada do edificio xudicial.
Así, pediu aos xornalistas “respectar un poquito a orde” e apelou a “ver que pasa” á saída da súa declaración, na que deberá responder ás preguntas dos avogados das distintas partes.
Polo momento seguen declarando, e atendendo as cuestións dos diferentes letrados, os peritos de QBE, a aseguradora de Renfe, Frans Heijnen e James Robert Catmur. Eles, nos seus documentos, afirman que o risco na curva da Grandeira non era tolerable.











