publicidade hoxe

Beatriz Mato apela á importancia de protexer os máis de mil humidais cos que conta a comunidade galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaValdoviño
A-
A+

Con motivo do Día Mundial da Protección da Natureza, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, visitou esta mañá a Lagoa da Frouxeira en Valdoviño, un dos cinco humidais declarados de importancia internacional na Comunidade (Ramsar), onde apelou á necesidade e importancia de conservar e protexer os máis de mil humidais cos que conta Galicia, unha tarefa e unha responsabilidade na que é precisa a implicación do conxunto da sociedade.

Sinalou que cada vez máis a cidadanía é consciente de que a natureza é esencial a nivel social, cultural e económico; polo que descoidala é sinónimo de dilapidar o noso futuro. Por iso con actuacións tan sinxelas como: reciclar residuos, non malgastar os recursos hídricos ou coidar os espazos naturais, son pequenos xestos que van sumando no obxectivo final de protección e conservación. Tamén recoñeceu que as administracións deben ser as primeiras en dar exemplo e apostar pola protección da natureza.

Un esforzo que debe ser maior cando se trata de espazos con características e valores singulares, como a Lagoa de Valdoviño; porque escasean e están ameazados e porque son esenciais para o presente e o futuro, xa que ofrecen recursos básicos ás persoas, supoñen un importante soporte de actividades humanas e resultan imprescindibles para a conservación e sustentabilidade do medio ambiente, xa que absorben contaminantes e precipitacións e almacenan o 30% do carbono da terra.

Recordou que a Lagoa de Valdoviño foi declarada sitio Ramsar en 1992, pola súa importancia e polas presións externas ás que está sometida; polo que a Xunta aprobou no pasado ano por primeira vez un Plan de Conservación da Lagoa e Areal do Valdoviño. Este plan delimita o ámbito de protección, identifica os valores e posibles riscos, as normas de usos e aproveitamentos do solo e dos recursos naturais e as normas relativas ao uso público.

Por último, destacou que días mundiais como o que hoxe se celebra desde o ano 1972, favorecen o camiño cara á meta de concienciar do valor que ten o patrimonio natural de Galicia.

18 de outubro de 2016 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.