Arrancan as xornadas informativas de Depoemprega 2016 para as 60 persoas participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Ao longo desta semana vanse desenvolver as sesións informativas do programa Depoemprega 2016 para as 60 persoas participantes dos concellos de Pontevedra, Vigo, Bueu, Cangas e Poio. Trátase de persoas desempregadas menores de 30 anos, persoas sen emprego cunha discapacidade e mulleres desempregadas vítimas de violencia machista.

As sesións informativas pretenden dar a coñecer ás persoas participantes de Depoemprega 2016 o funcionamento e as características deste programa, así como os seus dereitos e compromisos. A primeira acción grupal terá lugar o xoves 27 de outubro, de 10 a 11:30h., nas instalacións da Deputación en Vigo, onde van asistir 30 persoas beneficiarias dos concellos de Vigo e de Cangas.

O venres 28 de outubro, de 10 a 11:30h., haberá outra xornada informativa no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra, para 26 persoas participantes dos municipios de Pontevedra e de Poio. Tamén o vindeiro venres, de 12:30 a 14.00h., no departamento de promoción do emprego do concello de Bueu, desenvolverase unha sesión informativa para as 4 persoas participantes do municipio de Bueu.

Depoemprega 2016 é o plan integrado de emprego da Deputación, cofinanciado coa Xunta de Galicia, para mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas participantes, en concreto, búscase a integración do 35%. Poranse en marcha diferentes accións, que van dende a orientación e a formación ata a intermediación laboral, sempre adecuándose aos itinerarios personalizados de inserción laboral de cada participante.

24 de outubro de 2016 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.