Ángeles Vázquez destaca a importancia da investigación e a posta en común de ideas para o desenvolvemento do rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A conselleira do Medio Rural en funcións, Ángeles Vázquez, clausurou hoxe a xornada celebrada en Lugo para poñer en marcha o polo de innovación dixital no sector agroalimentario, unha iniciativa do Campus Terra e de Gradiant (centro tecnolóxico das TIC de Galicia) que contará coa colaboración da Xunta. Durante a súa intervención, a titular deste departamento valorou este proxecto pola importancia que ten para o rural e o seu futuro a investigación e a posta en común de ideas.

Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou que a filosofía deste novo órgano coincide coa da Consellería do Medio Rural que apoia todo tipo de proxectos innovadores. Recordou que o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR), que supón un investimento público total de 1.186,4 millóns de euros para o período 2014-2020, inclúe dentro dos seus desafíos actuacións desde diferentes ámbitos para apostar por un rural moderno e competitivo. Aténdese á xestión sostible dos bosques, á restauración, preservación e mellora da viabilidade das explotacións agrícolas e á competitividade de todos os tipos de agricultura, xunto coa necesaria promoción das tecnoloxías innovadoras.

“Un dos obxectivos que pretendemos conseguir en cada prioridade de desenvolvemento rural é a transferencia de coñecementos e a innovación na agricultura e a silvicultura nas zonas rurais, que supón unha prioridade transversal que se distribúe nos restantes ámbitos de interese”, sinalou a conselleira.

“E nesta dirección estamos a traballar”, insistiu Vázquez, sinalando que o pasado martes un total de 57 iniciativas recibiron apoio financeiro da Xunta por un importe de preto de 350.000 euros cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para desenvolver outros tantos proxectos relacionados coa innovación no agro galego.

A través destas achegas, as cooperativas, agricultores, gandeiros ou silvicultores beneficiarios poderán desenvolver novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agrogandeiro, forestal e da cadea alimentaria. A finalidade última é fomentar a cooperación e a innovación en áreas prioritarias de actuación, tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía, ou aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector, entre outras iniciativas.

Así, indicou a titular de Medio Rural, dende esta Consellería “trabállase na mesma dirección que focos de coñecemento punteiros como son o Campus Terra e Gradiant, organizadores desta Xornada, é fundamental para a Xunta de Galicia, que xa o ven facendo tamén coa GAÍN (Axencia Galega de Innovación) e a AMTEGA”. Ángeles Vázquez felicitou ás dúas entidades promotoras pola súa iniciativa, representadas polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o director xeral de Gradiant, Luís Pérez Freire.

6 de outubro de 2016 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.