Aguilera destaca o potencial de mellora que achegan os servizos Reacciona na optimización da produción e da cadea loxística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Intervención de Javier Aguilera na xornada

Intervención de Javier Aguilera na xornada

O director do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe en Santiago na apertura dunha xornada técnica focalizada no programa Reacciona e salientou o potencial dos servizos centrados na optimización da produción e da cadea loxística, desde a selección de provedores á distribución do produto, para facilitar a mellora competitiva das pemes.

Durante a súa intervención nesta xornada específica dirixida a persoal directivo e responsables de compras, produción ou finanzas en empresas de calquera sector de actividade, salientou a importancia que aspectos como a axeitada xestión de stocks, a organización de espazos ou a capacitación e a participación do persoal poden ter para incrementar a produtividade das empresas.

Aguilera lembrou que a Xunta está a desenvolver a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 para procurar que as empresas, especialmente as pemes, dean un salto cualitativo, ao tempo que salientou a importancia de instrumentos como os servizos achegados polo programa Reacciona en todos os ámbitos de xestión, incluíndo a mellora das cadeas de produción e a optimización da loxística.

O programa Reacciona ofrece un conxunto de servizos para facilitar a implantación de proxectos de mellora en eidos como a optimización do financiamento, o desenvolvemento estratéxico integral, a redefinición do modelo de negocio, a optimización de procesos de produción e cadea loxística, o relanzamento comercial, os protocolos de sucesión na empresa familiar ou a identificación de aliados e redes de cooperación. Ademais, o Igape ten previsto activar, en colaboración con Amtega, o programa Reacciona TIC destinado a facilitar a pemes e autónomos a dixitalización do seu negocio e a aplicación de solucións da Industria 4.0.

O programa Reacciona ten como obxectivo prioritario potenciar as competencias e habilidades do capital humano das empresas, para que as melloras introducidas na xestión poidan ter carácter permanente. Xa facilitou, nas dúas primeiras edicións, a aplicación de máis de 1.000 proxectos de mellora que beneficiaron a máis de 600 pemes galegas. Agora está aberto para recibir, a través da web do Igape -www.igape.es/reacciona-, solicitudes das empresas interesadas, que disporán de sucesivas convocatorias, durante os próximos meses, para anotarse. Actualmente está aberta, ata o próximo 21 de outubro, a segunda convocatoria correspondente á terceira edición do programa, logo de recibirse arredor de 200 solicitudes ao abeiro da convocatoria anterior.

A xornada específica desenvolvida hoxe en Santiago tamén incluíu un relatorio de Francisco Plaza sobre as ferramentas de mellora no ámbito da cadea loxística, eliminando as tarefas que non engaden valor, e unha presentación do programa Reacciona, que ofrece un servizo específico centrado neste ámbito de xestión.

14 de outubro de 2016 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.