Afundación programa actividades para escolares centradas na cultura, o intercambio xeracional e as finanzas
Reforzar a aprendizaxe dos escolares na aula en materias como a cultura, o intercambio xeracional e as finanzas son os tres eixos sobre os que pivota a proposta de actividades educativas de Afundación para este curso 2016/2017, que presentou este luns en Santiago o seu director xerente, Pedro Otero.
Durante a rolda de prensa de presentación, Otero indicou que Afundación concibe estas actividades como unha forma de “complementar” os programas curriculares dos centros escolares e buscando a formación tanto en aspectos “concretos” coma en competencias “transversais”, como o traballo en equipo, a autoestima, a creatividade ou o talento.
“Estamos convencidos de que formar persoas libres de pensamento é o mellor legado que podemos deixar aos nosos nenos”, dixo Pedro Otero, que destacou tamén que as propostas “conxugan o lúdico e o formativo” para chegar mellor aos escolares.
Un total de 100.000 nenos de toda Galicia xa reservaron praza para participar durante este curso nestas actividades, que suman anualmente máis de 125.000 participantes de preto de 500 colexios.
ÁMBITO CULTURAL
No apartado deseñado para o ámbito cultural inclúense 216 funcións de artes escénicas para escolares con especial protagonismo para as compañías galegas. Do mesmo modo, en artes plásticas, Afundación deseñou 90 mostras didácticas adaptadas ás idades dos participantes, dende Infantil ata Bacharelato.
Ademais, oferta programática compleméntase con actividades desenvolvidas na súa Biblioteca Infantil e Xuvenil de Santiago de Compostela, que dispón 20.000 rexistros de fondos bibliográficos e audiovisuais.
Finalmente, inclúense neste apartado Naturnova, o centro interactivo de educación ambiental de Afundación, que visitan cada ano unha media de 5.500 estudantes; e os programas de alimentación saudable, que este curso celebraranse a través de 22 talleres con 264 prazas.
EDUCACIÓN FINANCEIRA
Un dos puntos importantes da formación extracurricular para escolares de Afundación son os relacionados coa educación financeira dos nenos.
Neste sentido, a entidade programará 20 funcións da obra de teatro ‘Dos contos ás contas’, deseñada especialmente para este proxecto co obxectivo de facer entender os nenos conceptos elementais de economía, como o aforro, os ingresos, o presuposto persoal ou a importancia do consumo responsable.
O programa complétase co ‘Gran Prix Financieiro’, un conxunto de actividades lúdico-educativas para nenos de entre 8 e 12 anos, e a conferencia ‘Preparado para dar o salto? As necesidades financeiras ao longo da vida’, dirixida a estudantes de Bacharelato.
PROGRAMA INTERXERACIONAL
Finalmente, as actividades escolares de Afundación volverán incluír proxectos relacionados co intercambio interxeracional e o envellecemento activo.
Así, este curso terá continuidade o programa ”Fálame da emigración’, no que os escolares entrarán en contacto con maiores con experiencia na emigración para que lles trasladen as súas vivencias en primeira persoa.
Ademais, en colaboración coas áreas de Cultura e Educación da entidade, desenvolveranse durante o curso novas propostas interxeracionais como clubs de lectura, representacións teatrais, recitais e outras actividades compartidas.
Finalmente, Afundación decidiu incluír este ano na súa programación escolar un ciclo de conferencias que, baixo o título ‘Educación e docencia no século XXI’, se orientará a pais, nais e profesores.











