A Xunta promoveu 400 reunións de negocio de 90 empresas do sector do mar en distintas feiras alimentarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, visitou este mediodía as empresas galegas presentes na feira alimentaria internacional SIAL, que se celebra na capital francesa entre o 16 e o 20 de outubro. Alí, a titular de Mar en funcións destacou que a Xunta -a falta de pechar os datos ao remate de SIAL- xa leva promovidas máis de 400 reunións de 90 empresas do mundo do mar nas últimas feiras alimentarias a través do centro de negocios promovido pola Consellería do Mar.

A Xunta ofrece este servizo ás empresas coexpositoras nun posto específico que a Consellería do Mar habilita nos distintos postos das feiras ás que asiste. Un sistema que contribúe a que as empresas galegas que se adhiren a el consoliden a súa presenza no exterior a través da captación de posibles clientes cos que se lles prepara unha axenda de encontros e se lles concerta citas.

A titular de Mar en funcións aproveitou a súa visita para insistir na importancia de acudir a estas feiras e utilizar este tipo de servizos que contribúen a abrir vías de expansión, de internacionalización e tamén de crecemento das propias empresas. De feito, destacou que algunhas das PEMES que empezaron indo ás feiras da man da Consellería do Mar hoxe van de xeito individual grazas ao apoio que se lles brinda dende a Xunta cando van como empresas coexpositoras.

Nesta edición de SIAL a Consellería do Mar está presente no pavillón 6 cun posto de 270 metros cadrados que acolle a 13 empresas galegas coexpositoras pertencentes ás áreas da conserva, conxelado e pesca fresca. A estas, Galicia ten que engadir outras que veñen sumar preto dunha trintena de empresas da agroalimentación.

Rosa Quintana lembrou que é grazas ao traballo do conxunto destas empresas, que traballan arreo en especializarse e diferenciarse, ás que o prestixio dos produtos alimentarios galegos vai en aumento contribuíndo a que o nome de Galicia asociado á gastronomía sexa, cada vez máis, sinónimo de calidade.

Feira SIAL

A feira internacional SIAL, que este ano celebra a súa XXVII edición, é bienal e a ela asisten os axentes mundiais da industria agroalimentaria, da distribución e da restauración. Nesta edición están presentes unhas 7.000 compañías de máis de 100 países e na anterior, 500 empresas máis que á edición anterior celebrada en 2014 e á que asisitiron 155.000 visitantes de 194 nacionalidades distintas.

Degustación con Anfaco

Por outra banda, aproveitando a celebración desta feira, esta tarde realizarase unha degustación na embaixada de España en París para dar a coñecer e promocionar as conservas de produtos do mar. Este evento enmárcase nun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e ANFACO para coordinar accións de promoción de conservas de produtos pesqueiros e a mellora da súa comercialización.

18 de outubro de 2016 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.