A Xunta organiza unhas xornadas sobre ‘As políticas de información xuvenil en Galicia’
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asistiu esta tarde á xornada ‘As políticas de información xuvenil en Galicia’, que se desenvolveu no Centro Coordinador de Información Xuvenil, en Santiago de Compostela, e á que asistiron preto dunha trintena de persoas vinculadas co sector.
Cecilia Vázquez apuntaba logo da actividade que “o obxectivo deste tipo de actividades pasa por ofrecerlle aos asistentes unha visión das políticas de información xuvenil que se levan a cabo desde a Xunta de Galicia, así como dos programas e equipamentos cos que conta, co fin de que poidan ter un maior coñecemento dos recursos que se ofrecen á mocidade, e así poder prestar un mellor servizo tanta á xuventude coma aos profesionais”.
Nesta liña, explicaba que a xornada estivo dirixida principalmente a estudantes e titulados do ciclo formativo de grao superior en Animación Sociocultural e Turística, xa que esta nova titulación conta con dous módulos formativos relacionados coa información xuvenil que capacita os alumnos para organizar e xestionar os servizos de información xuvenil, realizando actividades de orientación, información e dinamización que atendan as necesidades e demandas das persoas deste sector de poboación; así como deseñar, implementar e avaliar actividades socioeducativas dirixidas a este sector da poboación, favorecendo a igualdade de oportunidades e aplicando os principios da educación non formal.
A información xuvenil é unha actividade de busca, tratamento e difusión da información xunto co asesoramento e orientación prestados á mocidade nos servizos de información xuvenil e que ten por obxecto poñer á disposición a súa disposición os elementos necesarios para unha mellor toma de decisións no exercicio da súa liberdade e autonomía e que fagan posible unha plena integración na sociedade.
Desde o ano 1994, Galicia conta con unha Rede de Información Xuvenil que canaliza toda a información para a mocidade a través do Centro Coordinador de Información Xuvenil, dos doce Espazos Xove da Rede Galega de Centros de Xuventude (situados nas catro provincias), e mediante as 248 oficinas locais de información xuvenil (OMIX), dependentes dos concellos. Conta tamén con puntos de información xuvenil dependentes das asociacións, así como con correspondentes xuvenís.
O ano pasado o número de correspondentes xuvenís (estudantes voluntarios de centros de ensino medio e bolseiros das residencias xuvenís) foi de 483 alumnos distribuídos en 83 antenas de información xuvenil e nas tres residencias xuvenís dependentes da Xunta de Galicia.











