A Xunta destaca o papel da rede de aceleradoras para asegurar a activación e consolidación de novos proxectos empresariais
O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe en Vigo, na entrega do X premio EmprendedorXXI Galicia, a innovación como unha das claves principais para garantir o crecemento e a consolidación de novos proxectos empresariais aliñados coa Industria 4.0. Durante a súa intervención, tamén salientou o papel da rede de aceleradoras que está a impulsar a Xunta, en colaboración con entidades públicas e empresas privadas que traballan no ámbito do emprendemento, para asegurar os procesos de activación e consolidación de novas empresas.
Nesta edición, o gañador do premio EmprendedorXXI Galicia -impulsado por La Caixa e Enisa coa colaboración do Igape–, foi Lupeon 3D. Un total de 26 novas empresas galegas concorreron este ano aos premios Emprendedor XXI. O xurado seleccionou como finalistas, ademais de Lupeon 3D, a Converfit, Sila Games, Calabizo e Resetea. A empresa gañadora está especializada en fabricación aditiva industrial; desenvolve e produce, mediante impresión 3D, solucións á medida das esixencias dos seus clientes e que serían imposibles de fabricar con técnicas de fabricación tradicionais. A entrega do galardón estivo presidida polo director territorial de Caixabank en Galicia, Marc Benhamou.
O premio, que ten como finalidade a de recoñecer e acompañar á empresa con maior potencial de crecemento de Galicia, está dotado con 5.000 euros, e inclúe unha bolsa para un curso intensivo de crecemento empresarial –Ignite Fast Track– impartido na Universidade de Cambridge (Reino Unido). O proxecto gañador competirá ademais na fase estatal.
Aguilera agradeceu o labor de impulso de La Caixa e Enisa ao emprendemento en Galicia e salientou o apoio integral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ao abeiro da Lei de Emprendemento e a través da Unidade Galicia Emprende, para facilitar, mediante formación, asesoramento e financiamento, o deseño, a consolidación e a internacionalización de novos proxectos empresariais, principalmente os baseados no coñecemento e as novas tecnoloxías.
O director do Igape lembrou que tanto a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 como a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia-RIS3 teñen como prioridade os novos modelos empresariais, onde os novos emprendedores están chamados a xogar un papel fundamental para consolidar empresas capaces de progresar no ámbito da chamada fábrica intelixente. Lupeon encaixa nos retos que Galicia está a asumir, engadiu.
A través da Unidade Galicia Emprende, a Xunta coordina, de acordo coa Lei de Emprendemento, os servizos públicos de formación e asesoramento ao servizos dos procesos de creación de novas empresas. Ademais, conxuntamente con Xesgalicia, o Igape dispón de instrumentos de apoio para facilitar financiamento á medida dos novos proxectos empresariais, especialmente os innovadores.











