A Xunta destaca a adaptación aos cambios como clave para que as empresas melloren a súa competitividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Javier Aguilera na apertura da xornada. Foto: X. Crespo

Javier Aguilera na apertura da xornada. Foto: X. Crespo

O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a lectura constante dos sinais de muda na contorna e a capacidade de adaptación aos cambios como actuacións claves para que as empresas poidan mellorar a súa competitividade e medrar. Durante a súa intervención na apertura da terceira edición de O mundo que vén, organizado conxuntamente con APD como evento central do proxecto Capacita Directivos, Aguilera destacou que o obxectivo é procurar que os executivos empresariais levanten a mirada dos labores de xestión cotiá para detectar tendencias de cambio, interpretar como poden afectar ás súas empresas e obrar, de maneira anticipada, en consecuencia.

Aguilera salientou que os directivos deben ser os destinatarios desta formación con potencial de anticipación, porque son os que dispoñen da capacidade de cambiar as empresas, a partir da revisión continua do que están a facer para incorporar o que poida proporcionar valor e descartar o caduco. Non abonda con ser bo nun cometido específico, engadiu, cómpre unha mellora continua para intentar adiantarse aos cambios procurando ler o mundo que vén.

Para apoiar aos directivos e cadros intermedios das empresas, especialmente das pemes, fronte a este importante reto, para promover a adaptación do capital humano das empresas aos cambios que chegan de xeito continuado, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a impulsar, igualmente a través do Igape, programas como o Reacciona, o Reacciona TIC ou o programa de Formación 4.0.

Neste sentido, o director do Igape indicou que as empresas, especialmente ás de pequena e mediana dimensión, deben apostar pola formación continuada e a profesionalización de todas as súas áreas de xestión como mellor garantía para definir estratexias axeitadas para adaptarse aos cambios relevantes e para reaccionar con flexibilidade e rapidez diante deles.

Aguilera engadiu que a Xunta está a desenvolver a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 para procurar que as empresas dean o salto cualitativo necesario para avanzar no novo modelo industrial. Para iso, insistiu, a detección temperá dos cambios e a adaptación a eles serán claves para progresar.

A terceira edición de O mundo que vén incluíu relatorios que abordaron os principais aspectos dos cambios que afectan especialmente ao mundo empresarial: que está pasando no mundo; de que xeito a tecnoloxía está a cambiar o ámbito das empresas; a cartografía do mundo que vén para coñecer novas formas de facer as cousas, como a impresión 3D; ou a educación como clave de futuro.

11 de outubro de 2016 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.